Vilalba acollerá en xullo unha nova edición do Dépor Campus para nenos e nenas de entre 5 e 13 anos

TerraChaXa
Durante cinco xornadas, os participantes poderán desfrutar de adestramentos, actividades de convivencia e experiencias educativas vinculadas aos valores do deporte
deporcampus
20 Jun 2026

Vilalba volverá converterse este verán nunha das sedes do Dépor Campus, a iniciativa formativa e deportiva impulsada pola Fundación RC Deportivo da Coruña que se desenvolverá na capital chairega entre os días 13 e 17 de xullo.

A actividade foi presentada este mércores coa participación da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, nun acto no que se destacou a importancia desta proposta para fomentar a práctica deportiva entre a infancia e a mocidade. O campus chega á vila grazas á colaboración entre a Fundación RC Deportivo, o Rácing Club Vilalbés e o Concello de Vilalba.

A edición deste ano fará de Vilalba unha das 19 sedes repartidas por toda Galicia nas que se celebrará este programa, dirixido a nenos e nenas nacidos entre os anos 2012 e 2020.

Durante cinco xornadas, os participantes poderán desfrutar de adestramentos, actividades de convivencia e experiencias educativas vinculadas aos valores do deporte. As sesións desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas.

Desde o Concello sinalan que esta iniciativa contribúe a reforzar a vinculación de Vilalba co deporte e ofrece ás familias unha alternativa de lecer e formación para os meses de verán, pensada para complementar as vacacións dos máis pequenos.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 7 de xullo ás 14.00 horas.

0.10926699638367