Vilalba acollerá este venres a presentación de dous libros de Mero Iglesias sobre a cultura tradicional galega

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá este venres, 18 de setembro, ás 20:00 horas, a presentación de dous libros do músico, escritor e investigador Mero Iglesias: Formas, figuras e sombras na Terra Chá, editado por Xer molos e a Irmandade Manuel María, e Catálogo do cantar de cego galego. Volume 1: Voandeiras. Crónica e descrición de persoas, músicas e cantadelas, editado por Compañía Editora.
O acto está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, e contará coa presenza do propio autor, Baldomero Iglesias Dobarrio, coñecido como “Mero”. Na mesa de presentación intervirán Alfonso Blanco Torrado, Xosé Quintas Canella e Chema Felpeto. O apartado musical correrá a cargo de Miro Casabella e a presentación será realizada por Marisa Barreiro, presidenta de Iescha. A entrada será de balde.
Formas, figuras e sombras na Terra Chá inclúe un limiar de Alfonso Blanco no que se salienta o traballo desenvolvido durante anos arredor da artesanía tradicional galega e, en particular, da olaría da parroquia de Outeiro de Rei. A publicación recolle tamén a memoria afectiva vinculada a Indalecio Lomba, un dos últimos oleiros activos na contorna, así como diversos códigos QR que permiten acceder a arquivos sonoros recompilados por Mero Iglesias e depositados no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.
Pola súa banda, Catálogo do cantar de cego galego. Volume 1: Voandeiras recolle ensaios e descricións sobre a figura das cegas e cegos cantores e propón unha catalogación dos xéneros rexistrados. O libro afonda na tradición dos cegos errantes que percorrían camiños, feiras e romaxes levando un canto itinerante, así como nos romances, cantigas e relatos que formaban parte desta tradición oral.
Segundo se explica na presentación, a obra pretende contribuír á conservación da memoria e do patrimonio inmaterial galego ante os cambios nos hábitos de convivencia e nas formas de transmisión da tradición oral.
Mero Iglesias, nacido en Vilalba en 1951, formouse como mestre e exerceu a docencia durante case corenta anos en escolas rurais de Lugo e A Coruña, ata a súa prexubilación en 2011. A súa traxectoria está estreitamente ligada á música e á cultura tradicional galega. Foi membro fundador de Fuxan os Ventos e forma parte de A Quenlla, agrupacións coas que participou na gravación de máis de trinta discos.
Ao longo de décadas recompilou cantos, coplas, romances e outras manifestacións da tradición oral galega, contribuíndo á creación do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, cuxo fondo sonoro foi doado ao Museo do Pobo Galego. A súa actividade cultural tamén inclúe traballos como músico, compositor, escritor, investigador e divulgador da cultura galega, e foi recoñecida con premios e distincións como o Pedrón de Ouro (2009), o Premio Galiza Mártir (2012) e o nomeamento como Mestre da Memoria (2016).