Vilalba acollerá o sábado a entrega do IX Premio Agustín Fernández Paz a Fran Fernández Davila

O Auditorio Municipal de Vilalba acollerá o vindeiro sábado, 24 de outubro, ás 20.00 horas, o acto de entrega do IX Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade ao escritor Fran Fernández Davila, gañador desta edición pola súa obra Quero ser coma Vero Boquete.
O acto está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e enmárcase na Iniciativa Agustín Fernández Paz 2026-2027, titulada «Miradas sobre Agustín».
A presentación correrá a cargo de Carmen Hermida e contará coas intervencións de Marisa Barrero, presidenta do Iescha; Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba; Fran Alonso, director de Edicións Xerais de Galicia; Manuel Bragado, membro do xurado, e o propio escritor premiado, Fran Fernández Davila.
A entrega do galardón estará acompañada de distintas actuacións relacionadas coa música, o teatro, a poesía, a palabra e a imaxe. No programa participarán o grupo do Centro Ocupacional Terra Chá de Vilalba, Carlos Gómez Osa, o Minicoro de Esmuvi e alumnado da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva.
Ademais, a Asociación de Xordos de Lugo (AXORLU) encargarase da interpretación en lingua de signos para facilitar a accesibilidade do acto. Durante a celebración tamén se dará lectura ao ditame do xurado do X Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, correspondente á nova edición do certame.
A entrada será gratuíta, aínda que será necesario reservar previamente a través da páxina web do Concello de Vilalba ou directamente na Casa da Cultura. Tamén se poderán retirar entradas o mesmo día do acto na billeteira do auditorio, sempre que queden asentos dispoñibles.
Con esta celebración, Vilalba volverá render homenaxe á figura e ao legado de Agustín Fernández Paz, referente da literatura infantil e xuvenil galega, a través dun premio que promove a igualdade e recoñece a creación literaria dirixida ás novas xeracións.