Vilalba acollerá o vindeiro sábado unha ruta sobre Agustín Fernández Paz

TerraChaXa
A actividade comezará ás 10.00 horas do sábado 7 de novembro xunto á Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz
2 Nov 2026

O Instituto de Estudos Chairegos, a Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva e a Escola de Teatro, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan o roteiro Aire negro, un paseo literario polos espazos do municipio nos que transcorre a novela de Agustín Fernández Paz. A actividade enmárcase na iniciativa 2026-2027 Miradas sobre Agustín.

O roteiro comezará ás 10.00 horas do sábado 7 de novembro xunto á Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz de Vilalba. Desde alí, as persoas participantes percorrerán o barrio das Fontiñas e outros lugares do concello nos que se desenvolve a novela. Unha parte do traxecto realizarase a pé e outra en autobús, que será facilitado polo Concello para facilitar os desprazamentos.

De regreso a Vilalba, celebrarase un xantar no restaurante Nova Ruta cun menú literario elaborado a partir das novelas de Agustín Fernández Paz. A proposta gastronómica estará composta por caldo, troitas fritidas con xamón e con verduras, patacas e ensalada, e queixo cremosiño con marmelo.

As persoas interesadas en participar tanto no roteiro como no xantar deberán inscribirse previamente enviando unha mensaxe ao correo electrónico do Instituto de Estudos Chairegos, estudoschairegos@gmail.com. O prazo para anotarse rematará o mércores 4 de novembro.

O prezo da actividade será de 35 euros, que se aboarán ao remate do xantar. A organización advirte de que, debido ás características da ruta, podería ser necesario limitar o número de participantes. Nese caso, as prazas asignaranse por orde de inscrición.

0.14725494384766