Vilalba acollerá tres actividades do Festival Atlántica nas parroquias de Mourence, Román e Santaballa

Vilalba volverá formar parte da programación do Festival Atlántica, un dos principais eventos de artes escénicas que se desenvolve entre Galicia e Portugal e que aposta por levar a cultura tamén ao medio rural. Nesta nova edición, as parroquias de Mourence, Román e Santaballa serán escenario de tres propostas dirixidas ao público adulto, todas elas en galego e con acceso libre.
A programación comezará o xoves coa representación de A viaxe feliz de Ramón San Fiz, a cargo de Ignacio Vilariño e Fantoches Baj, que terá lugar na Escola de Mourence ás 20.30 horas.
O venres 3 de xullo será a quenda de Paos de Cego, unha proposta de Francisco Romualdo que se celebrará na Escola de Román tamén ás 20.30 horas.
A participación vilalbesa no festival rematará o sábado 4 co Roteiro Narrado da Liga Santaballa, un paseo guiado no que se combinarán voces, memoria e paisaxe. A actividade desenvolverase desde as 9.30 horas na Escola Habanera de Santaballa e contará coa colaboración de Autocares Darriba.
Desde a organización destacan que o Festival Atlántica reúne nesta edición arredor de 90 funcións e 45 propostas artísticas de diferentes países, consolidándose como unha das grandes citas culturais do verán. O certame continúa apostando pola descentralización da oferta cultural e pola valorización do rural como espazo de creación e encontro, achegando espectáculos e actividades a numerosos concellos galegos.
As actividades programadas en Vilalba están promovidas coa colaboración do Concello de Vilalba e da Concellería de Turismo, que animan á veciñanza a participar nesta proposta cultural que combina narración oral, patrimonio e creación artística en diferentes espazos do municipio.