Vilalba acollerá un concerto solidario co pobo ucraíno

TerraChaXa
Concello de Vilalba organiza o próximo 27 de marzo o Concerto Solidario a favor do Pobo Ucraíno, cita enmarcada na programación cultural.
CARTEL CONCERTO SOLIDARIO_PORTADA
CARTEL CONCERTO SOLIDARIO_PORTADA
15 mar 2022

O Concello de Vilalba organiza o próximo 27 de marzo o Concerto Solidario a favor do Pobo Ucraíno, unha cita enmarcada na programación cultural municipal dos meses de marzo, abril e maio.

Vilalba mostra así o seu apoio á cidadanía ucraína ante a invasión rusa e mostra o seu rexeitamento ao conflito bélico.

"Sabemos que hai moita xente querendo axudar, polo que nos pareceu unha boa idea implicar a distintos grupos de Vilalba por un obxectivo común, e canalizar toda esa solidariedade a través da arte e da música, seguindo as indicacións das organizacións oficiais e que desenvolven o seu traballo sobre o territorio, como é o caso de Cruz Vermella", explicou a Tenente de alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco

A cita musical, coa actuación de 15 grupos e agrupacións locais, será ás 18:00 no Auditorio Municipal de Vilalba.

Concretamente, participarán no concerto alumnado dos IES Santiago Basanta Silva e Lois Peña Novo, a Escola Municipal de Teatro, a Escola de Movemento; alumnado do Conservatorio de Música e da ESMUVI, e tamén os grupos locais Buxos Verdes; Entre Lusco e Fusco; A.C de Andrade; AAVV Nete e Asociación Deportiva e Cultural de Árbol. Contarase ademais coa participación do Dúo Estrellas; Irmandades do Falo; Banda de Música de Vilalba e Sintonía de Sancovade.

Desde o Concello quixeron agradecer publicamente a resposta tan positiva de todos os grupos por esta causa.

A entrada terá un custe de 5 euros e a recadación do concerto destinarase integramente a Cruz Vermella. 

Poderanse adquirir na web entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura.

O concello habilitará unha Fila 0 para aquelas persoas que queiran mercar a súa entrada para facer a súa aportación económica pero que non podan asistir ao concerto. As entradas da Fila 0 non terán validez no acceso ao patio de butacas. Para poder asistir ao concerto, deberase mercar a entrada no evento nomeado "Concerto Solidario a favor do pobo Ucraíno".