Vilalba acollerá unha nova edición da Liga de Pádel entre maio e xullo

As instalacións de Indoor Vilalba serán escenario dunha nova edición da Liga de Pádel, unha competición que se desenvolverá entre o 11 de maio e o 12 de xullo e que reunirá a xogadores afeccionados a este deporte en diferentes niveis de competición.
O torneo contará con tres categorías divididas por niveis, co obxectivo de favorecer unha competición equilibrada entre os participantes. Ademais, os partidos estarán organizados polo propio club, que tamén establecerá o formato da competición baseado nunha fase de grupos con encontros de ida e volta para determinar os clasificados para a fase final.
A organización estableceu unha cota de inscrición de 30 euros por parella para participar nunha categoría e de 40 euros para dúas categorías, ademais dun suplemento de 3 euros por persoa e partido disputado. As inscricións permanecerán abertas ata o 10 de maio.
En canto aos premios, a parella campioa recibirá un vale de 90 euros para gastar na tenda do club, mentres que os subcampións obterán material deportivo. A fase final disputarase os días 11 e 12 de xullo e rematará cunha churrascada gratuíta para os participantes.