Vilalba acollerá unha quedada de lectura ao aire libre este martes

TerraChaXa
A actividade dará comezo ás 18.00 horas no Parque Rosalía de Castro
quedada-para-ler-vilalba
8 Jun 2026

O Parque Rosalía de Castro de Vilalba converterase este martes, 9 de xuño, nun espazo para a lectura compartida coa celebración de “LeConnós: ven cando queiras, marcha cando o precises”, unha iniciativa inspirada nas coñecidas Silent Reading Parties que busca fomentar o hábito lector nun ambiente relaxado e aberto á participación de toda a cidadanía.

A actividade, organizada conxuntamente pola Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz e as bibliotecas escolares do IES Santiago Basanta Silva, IES Lois Peña Novo, EEI de Vilalba, CEIP Insua Bermúdez, CEIP Mato Vizoso e CEIP Monseivane, dará comezo ás 18.00 horas no Parque Rosalía de Castro.

A proposta convida ás persoas asistentes a levar o seu propio libro e compartir un tempo de lectura en silencio ao aire libre, sen horarios pechados nin obrigas de permanencia, tal e como recolle o lema da convocatoria. Ademais, o encontro contará con música en directo e haberá libros de agasallo para as persoas participantes.

A iniciativa conta tamén coa colaboración do alumnado do Conservatorio e pretende converter a lectura nunha experiencia colectiva e agradable, reforzando ao mesmo tempo a cooperación entre as distintas bibliotecas educativas e públicas do municipio.

Con esta actividade, Vilalba súmase ás novas fórmulas de promoción da lectura que apostan por sacar os libros aos espazos públicos e favorecer o encontro entre lectoras e lectores de todas as idades nun entorno natural e accesible.

0.11843585968018