Vilalba acollerá unha xornada reivindicativa e participativa polo 8M organizada polos colectivos feministas da Terra Chá

Vilalba será escenario este 8 de marzo dunha xornada de actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres Traballadoras, organizada polos colectivos feministas da Terra Chá baixo o lema Feminismo é revolución: terra viva, pobos libres, vidas dignas.
A programación comezará ás 11.00 horas na Sala de Exposicións do Auditorio de Vilalba cun parladoiro arredor da participación das mulleres en espazos colectivos, no que se abordará o papel feminino nos movementos sociais e na vida comunitaria.
Continuará ás 13.30 horas coa concentración e lectura do manifesto na Praza da Constitución de Vilalba, nun acto aberto á cidadanía co que se pretende reivindicar os dereitos das mulleres e visibilizar a loita pola igualdade.
Posteriormente, ás 14.30 horas, celebrarase un xantar compartido para o que será necesario realizar reserva previa. As persoas interesadas poden inscribirse nos teléfonos facilitados pola organización.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, terá lugar un obradoiro impartido por Branca Villares baixo o título Revolta de ferreñas e cantares de liberación, que tamén se desenvolverá na Sala de Exposicións do Auditorio.
A iniciativa busca crear un espazo de encontro, reflexión e participación cidadá arredor do feminismo e da defensa dos dereitos das mulleres, nunha xornada que combinará actividades reivindicativas, culturais e de convivencia.