Vilalba acollerá unhas xornadas sobre a importancia das sebes para a biodiversidade e a apicultura

TerraChaXa
A actividade celebrarase os días 30 e 31 de outubro no Mercado Municipal de Abastos de Vilalba e combinará formación teórica, prácticas de identificación e reprodución de sebes e un espazo aberto para resolver dúbidas
programa-xornada-vilalba-a-estruga
27 Oct 2026

O Mercado Municipal de Abastos de Vilalba acollerá os vindeiros venres 30 e sábado 31 de outubro unhas xornadas formativas baixo o título «Creando paisaxe para a biodiversidade e a apicultura: a importancia das sebes». A iniciativa está organizada polo GDR Terra Chá, co apoio do Concello de Vilalba e coordinada pola Asociación A Estruga, co obxectivo de destacar o papel das sebes na conservación da biodiversidade e na protección dos polinizadores.

A actividade desenvolverase en dúas sesións. A primeira terá lugar o venres, de 16.00 a 20.30 horas, e comezará coa recepción das persoas participantes e a presentación da xornada. A continuación, abordaranse a importancia das sebes na contorna e a súa relación coa biodiversidade e a apicultura, nunha sesión dividida en dúas partes e cunha pausa para o café. A xornada rematará cunha mesa aberta para consultas, dúbidas e debate.

O sábado, a programación desenvolverase de 9.30 a 14.00 horas e terá un enfoque máis práctico. Tras a recepción e a explicación dos traballos, as persoas asistentes participarán na identificación de sebes e no coñecemento dos seus manexos. Despois dunha pausa, a sesión continuará coa reprodución de sebes e outras especies vexetais. A actividade finalizará cunha mesa aberta para compartir preguntas e reflexións, antes da despedida.

As xornadas pretenden achegar coñecementos sobre a función das sebes na creación de paisaxes máis diversas e favorables para a fauna polinizadora, así como sobre as posibilidades de reprodución e conservación destas formacións vexetais. A iniciativa tamén busca fomentar prácticas que contribúan a compatibilizar a protección ambiental coa actividade apícola.

A inscrición é gratuíta e as persoas interesadas poden solicitar información ou reservar praza a través do correo electrónico estrugalugo@gmail.com ou do teléfono 687 601 708.

0.14983582496643