Vilalba acollerá unhas xornadas sobre inmigración con relatorios, música e dúas exposicións

TerraChaXa
A Casa da Cultura reunirá os días 13 e 14 de novembro relatorios sobre mediación intercultural, desinformación e diversidade migratoria, xunto cunha intervención musical e dúas mostras abertas ata decembro
xornadas inmigración Vilalba
8 Nov 2026

A Casa da Cultura de Vilalba será sede, os días 13 e 14 de novembro, duns relatorios dedicados á inmigración, organizados polo Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Vilalba.

O acto de inauguración está previsto para o venres 13 de novembro, ás 17.30 horas. Esa mesma tarde inaugurarranse tamén dúas exposicións: ‘As Cores do Respecto’, de Le Magic Mayimba (Pablo del Valle), e ‘Os Adeuses’, unha mostra fotográfica de Alberto Martí cedida polo Consello da Cultura Galega. Ambas as exposicións permanecerán abertas ao público no horario habitual do centro cultural ata o 10 de decembro.

Tras a inauguración, a xornada do venres incluirá tres relatorios. A socióloga Ana María Pernas Vázquez abordará a relación entre os memes, a desinformación e o discurso do odio en internet. Pola súa banda, o inspector de Educación José Eduardo Basanta Montenegro exporá a situación do alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo, centrándose na realidade do Concello de Vilalba. Pechará o bloque Luzia Oca González, doutora en Antropoloxía pola USC, quen falará sobre a transformación de Burela, que pasou de ser unha parroquia mariñeira a converterse nunha vila caracterizada pola súa grande diversidade poboacional.

O sábado 14 de novembro, a actividade retomarase a partir das 11.30 horas coa intervención de Noura El Amrani Sbai, mediadora intercultural do Concello de Arteixo, quen repasará dúas décadas de traballo en migración e mediación intercultural. A continuación terá lugar unha actuación musical a cargo de Pablo del Valle, centrada nos instrumentos de percusión africanos.

A xornada do sábado continuará cunha segunda intervención de Ana María Pernas Vázquez, que tratará sobre a soidade vivida pola diáspora saharauí en Galicia, acompañada na mesa por Souadou Mohamed Fadel, membro da comunidade saharauí en Galicia e profesora de español como lingua estranxeira. As xornadas pecharán cunha ofrenda floral no monólito das Irmandades.

0.17785906791687