Vilalba acolleu hoxe a presentación da Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón

TerraChaXa
A Deputación de Lugo colabora coa Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón da Costa, que se celebra o vindeiro sábado 7 de outubro entre os concellos de Muras, Xermade e Vilalba.
presentacion ruta btt terra cha queixo san simon
25 Sep 2023

A Deputación de Lugo colabora coa Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón da Costa, que se celebra o vindeiro sábado 7 de outubro entre os concellos de Muras, Xermade e Vilalba. A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este luns na presentación da cita, un acto que tivo lugar na casa da cultura da capital chairega, e que contou tamén coa presenza da alcadesa de Vilalba, Elba Veleiro; o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas; o alcalde de Muras, Manuel Requeixo; e o organizador da proba e presidente do Club Ciclista Terra Chá, José Carreira.

Marisol Morandeira deu os parabéns aos organizadores por sacar adiante a Ruta, “xa consolidada no calendario deportivo da provincia. Aínda que este ano non se puido disputar en abril, coincidindo coa celebración da Feira do Queixo de San Simón, o importante é que hoxe estamos aquí, e que outro ano máis será unha realidade”. Nese sentido remarcou as felicitacións ao Club Ciclista Terra Chá, que celebra nesta edición o seu décimo aniversario, “por ser quen de sortear as dificultades e organizar unha nova edición da ruta”.

“Unha ruta que, como vemos cada ano, xera moito interese na sociedade, atraendo a un bo número de participantes da comarca, da provincia e incluso de fóra”, sinalou a Deputada, quen valorou que se trata dunha “aposta que dinamiza a economía local e que é capaz de potenciar o valor turístico dos concellos nos que se celebra: Vilalba, Xermade e Muras”. Apuntou que esta iniciativa ten “unha forma diferente de atraer visitantes, que terán a oportunidade de coñecer o noso rico patrimonio natural e cultural dun xeito más activo, pois a ruta discorre pola Reserva da Biosfera Terras do Miño, con paisaxes únicas e lugares privilexiados”.

Lembrou Marisol Morandeira o modelo de turismo polo que aposta a Deputación dende hai anos, de proximidade e experiencias, “que encaixa perfectamente con esta iniciativa, e por iso colaboramos cunha axuda económica para que a ruta sexa unha realidade”. A institución provincial achega 3.000€ para a celebración desta cita.

A proba deportiva

A ruta, que reúne a 250 ciclistas, dará comezo ás 9:00 horas con saída dende a Praza da Constitución de Vilalba. Poden participar todos os ciclistas maiores de 15 anos que teñan unha licencia federativa en vigor. Como outros anos, a ruta máis longa percorre ao longo de 63 quilómetros os tres concellos, con 1.400 metros de desnivel positivo. Por outra banda, está a ruta de media distancia, de 50 quilómetros e 1.100 metros de desnivel positivo e, por último, unha proba máis sinxela de 35 quilómetros e 600 metros de desnivel positivo.

0.17543292045593