Vilalba activa máis de 2.000 metros cadrados de solo industrial no Polígono de Sete Pontes cun novo proxecto empresarial

TerraChaXa
O Concello adxudica as parcelas 2 e 3 a unha emprendedora local que instalará unha empresa de maquinaria de construción
Modesto-renda-Vilalba-poligono-sete-pontes-2026
31 May 2026

O vicealcalde de Vilalba, Modesto Renda, anunciou a venda das parcelas número 2 e 3 de uso industrial situadas no Polígono Empresarial de Sete Pontes, unha operación que permitirá mobilizar máis de 2.000 metros cadrados de solo público destinado á actividade económica.

Renda estivo acompañado na presentación pola responsable da empresa adxudicataria, ESDICAR TECNOGLOBAL, Estefanía Díaz Carballeira, á que felicitou pola súa incorporación ao tecido empresarial local. O vicealcalde destacou que, tras anos sen dispoñibilidade de solo industrial no polígono vilalbés, esta operación supón “poñer en produción máis de 2.000 metros cadrados en beneficio dunha empresa da localidade”.

O representante municipal subliñou tamén a importancia de manter unhas bases de adxudicación estritas, orientadas a evitar calquera risco de especulación. Segundo indicou, esta liña de traballo permitiu que unha emprendedora de Vilalba, de 31 anos e á fronte dunha empresa de nova creación, resultase adxudicataria do proceso de poxa.

Pola súa banda, Estefanía Díaz expresou a súa satisfacción e ilusión por iniciar esta nova etapa empresarial. Explicou que a actividade que desenvolverá no novo espazo estará centrada na compra e venda de maquinaria para obra civil, así como na súa reparación e mantemento.

O proxecto contempla a construción dunha nave industrial que ocupará as parcelas agrupadas, cunha superficie aproximada de 1.000 metros cadrados. As instalacións contarán con zona de exposición, taller, almacén de repostos, oficinas e vestiarios para o persoal.

0.11637210845947