Vilalba aprobou un investimento de máis de 545.000 euros para mellorar infraestruturas e servizos no municipio

TerraChaXa
O pleno extraordinario celebrado onte deu luz verde a actuacións en rúas, instalacións municipais e parroquias
concello-de-vilalba
4 Nov 2026

O Concello de Vilalba aprobou onte, martes 3 de novembro, nun pleno extraordinario, un expediente de crédito extraordinario por importe de 545.871,46 euros, financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais. A modificación orzamentaria permitirá acometer diferentes intervencións para mellorar as infraestruturas, renovar servizos e manter instalacións municipais, tanto no núcleo urbano como nas parroquias.

A actuación de maior contía será a mellora da rúa Plácido Peña, que disporá dun investimento superior aos 134.000 euros. O proxecto contempla a substitución de 20 farois por novos báculos de sete metros con iluminación LED e a renovación dos espazos situados nos cruzamentos coas rúas Cidade de Viveiro e As Pontes.

No primeiro destes puntos, a intervención permitirá mellorar a contorna do cruceiro existente coa construción dun muro de granito que tamén funcionará como banco e elemento de protección patrimonial. A zona completarase cun pequeno espazo axardinado con especies autóctonas de baixo porte e cunha iluminación reforzada do monumento. No cruzamento coa rúa As Pontes habilitarase outro espazo verde protexido do tráfico, que contará tamén cunha bancada e unha zona de descanso. En ambos os puntos renovaranse as beirarrúas con formigón lavado.

O paquete de investimentos aprobado inclúe 50.152 euros para renovar o sistema de auga quente sanitaria da piscina climatizada, co propósito de mellorar o seu funcionamento e eficiencia enerxética. O Punto de Atención á Infancia contará cun novo sistema de climatización e aire acondicionado, cunha dotación de 33.230 euros, mentres que o campo de fútbol de herba artificial da Madalena mellorará a súa iluminación coa instalación de tecnoloxía LED, cun investimento de 21.469 euros.

Outra das intervencións previstas será a renovación da rede de saneamento da rúa Pita de Veiga, que contará con 13.103 euros. A actuación responde á necesidade de mellorar este servizo por razóns de salubridade pública e protección ambiental.

A modificación orzamentaria reserva tamén 11.000 euros para actividades socioculturais e de dinamización nas parroquias. Ademais, contempla o acondicionamento de parcelas para habilitar aparcadoiros públicos, traballos de bacheo nos accesos de Corbelle, Martiñán e Oleiros e actuacións de mantemento en edificios municipais como a Casa da Cultura e o Auditorio.

O expediente recolle igualmente fondos para programación cultural e turística, material e iniciativas das distintas concellerías, así como para servizos necesarios no funcionamento diario da Administración local, entre eles licenzas de software, correo electrónico, servidor municipal e a plataforma Liña Verde.

Desde o goberno local destacaron que os 545.871,46 euros aprobados permitirán atender necesidades concretas en diferentes puntos do municipio. Afirmaron que o obxectivo é seguir mellorando as rúas, os equipamentos e os servizos públicos, chegando tamén ás parroquias. "Non podemos estar en todas partes á vez, pero si traballar por todas elas", sinalaron, incidindo na importancia de escoitar a veciñanza, buscar solucións e conseguir recursos para que os compromisos se fagan realidade.

Un novo impulso á rexeneración do acceso a Ver

Outro dos asuntos abordados na sesión foi o proxecto actualizado para a rexeneración do acceso ao núcleo de Ver, na parroquia de Goiriz, desde a estrada N-634. A intervención conta cun orzamento de 36.800 euros e financiarase mediante un convenio entre o Concello e a Deputación de Lugo.

O proxecto xa fora aprobado e saíra a licitación, pero o procedemento quedara deserto ao non presentarse ofertas. Esta circunstancia obrigou a revisar o documento e actualizar os importes económicos, ademais de tramitar a correspondente modificación co organismo provincial.

Coa aprobación do proxecto actualizado, o Concello deu un novo paso para desbloquear esta actuación e poder convocar outra licitación. O goberno municipal manifestou a súa intención de retomar o procedemento coa maior axilidade posible para evitar que a mellora deste acceso continúe paralizada.

Deste xeito, o pleno permitiu avanzar tanto na aprobación dun importante paquete de investimentos municipais como na recuperación dunha obra pendente na parroquia de Goiriz.

0.15005612373352