Vilalba arranca a súa programación de Samaín na biblioteca este xoves

O Concello de Vilalba arranca coa programación infantil do Samaín 2026, unha proposta organizada en dúas propostas diferenciadas polos dous grupos de goberno.
A programación comezará o xoves 29 de outubro con dúas sesións de contacontos a cargo de Sole Felloza na Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz. Ás 17:00 horas terá lugar Acender a noite, dirixida a crianzas de 0 a 4 anos, e ás 18:00 horas será a quenda de Os pequenos macabros, para nenos e nenas a partir dos 5 anos. Esta actividade require inscrición previa.
O sábado 31 a programación dirixida ao comercio comezará ás 17.00 horas coa presenza das filloeiras de Muimenta na praza da Constitución. Xa ás 20.00 horas, a animación correrá a cargo de Noxo Me Das, Batifoula, Mato Vizoso, Buxos Verdes, Entre Lusco e Fusco, Andrade e a Coral Polifónica Vilalbesa.
Un dos momentos centrais da celebración chegará ás 21.00 horas coa procesión, que sairá da praza de Suso Gayoso e contará coa participación da Escola Municipal de Teatro.
A festa continuará ás 22.00 horas cunha actuación de forza ígnea da compañía Asacocirco na praza da Constitución, que porá o broche final á programación.
Tarde de domingo
A terceira gran cita será o domingo 1 de novembro na Praza da Constitución, onde se desenvolverán actividades durante toda a tarde. De 16:00 a 19:00 horas haberá camas elásticas e un obradoiro de maquillaxe e feridas.
Ademais, entre as 16:00 e as 18:00 horas, as crianzas poderán participar nos obradoiros de decoración de galletas e de creación de diademas terroríficas. Durante a tarde tamén se repartirán castañas para merendar.
Un dos momentos centrais será o concurso de cabazas, cuxa entrega comezará ás 15:30 horas. Haberá dúas categorías: infantil, para menores de 12 anos, e familiar, na que deberá participar polo menos unha persoa menor desa idade. Estableceranse tres premios en cada categoría —primeiro, segundo e terceiro—, todos eles acompañados de agasallo e diploma. A entrega dos premios terá lugar ás 19:00 horas.
A xornada rematará coa actuación de Cantabaila, ás 18:00 horas, un espectáculo infantil de animación musical ambientado no Samaín que incluirá unha pócima fumeante.
A organización anima a veciños e visitantes a preparar os seus disfraces e participar nesta cuarta edición do Samaín, que combinará tradición, música, teatro e espectáculos nunha xornada pensada para gozar dunha noite chea de misterio e diversión.