Vilalba celebra este sábado a V Festa dos Condutores cunha xornada dedicada ao mundo do motor

Vilalba acollerá este sábado, 12 de setembro, a V Festa dos Condutores, unha celebración organizada pola asociación Terra Chá Condutores que reunirá no Campo da Feira a profesionais e afeccionados do mundo do motor nunha xornada de convivencia.
As actividades comezarán ás 9:00 horas coa concentración de vehículos, que se prolongará ata as 11:00 horas. Ás 12:00 terá lugar a misa e a posterior bendición dos vehículos, mentres que media hora despois está prevista unha ruta polo casco urbano de Vilalba.
A programación continuará ás 14:00 horas cunha sesión vermú amenizada polo Grupo Folixa e, ás 15:30 horas, celebrarase un xantar popular. Ao remate, a festa continuará coa música do Grupo Folixa e do Dúo Pedriñas.
A organización presenta esta quinta edición como unha oportunidade para gozar dos vehículos e da música, pero tamén para compartir unha xornada de convivencia entre compañeiros e compañeiras do sector.
Durante a ruta produciranse afeccións puntuais ao tráfico no percorrido, polo que se recomenda á cidadanía prestar atención á sinalización e seguir as indicacións establecidas.