Vilalba celebra o Samaín cunha tarde de xogos, música e concurso de cabazas

A Praza da Constitución de Vilalba encheuse de familias, música e actividades nunha xornada de Samaín na que os máis pequenos foron os grandes protagonistas. Obradoiros, camas elásticas, baile e o tradicional concurso de cabazas conformaron a programación dunha tarde marcada polo ambiente festivo.
Decenas de familias achegáronse á praza para participar nas propostas organizadas, que permitiron gozar dunha celebración compartida e na que a creatividade tivo un papel destacado.
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo participaron na entrega de premios do concurso de cabazas, que contou con dúas categorías. Na infantil, o primeiro premio foi para Carla Parga, o segundo para María Díaz e o terceiro para Alba Blanco.
Na categoría familiar, a familia Canto Folgueira acadou o primeiro posto, seguida de Aliani, que quedou en segundo lugar, e de Noelia Montes, terceira clasificada.
O Concello agradeceu a participación de todas as persoas que presentaron as súas creacións e tamén a asistencia das familias que se achegaron á Praza da Constitución para compartir unha tarde de lecer e celebrar o Samaín en Vilalba.