Vilalba centrará a súa programación do 25N na educación e na sensibilización

O Concello de Vilalba, a través da Concellería de Igualdade, organiza unha programación especial con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que combina actividades nos centros educativos e propostas dirixidas ao público xeral co obxectivo de promover a igualdade, previr a violencia machista e fomentar unha sociedade libre de discriminación e violencia contra as mulleres.
A programación comezará nos centros educativos o luns 24 de novembro co contacontos Nin máis nin menos, na Escola de Educación Infantil de Vilalba e no CEIP Terra Chá de Román. O xoves 26 celebrarase o obradoiro “Emocións en igualdade” no CEIP Manuel Mato Vizoso, mentres que o luns 30 está previsto o obradoiro “Eu podo, ti podes” no CEIP Terra Chá de Román.
No apartado de actividades abertas á cidadanía, o martes 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza da Constitución, terá lugar o acto institucional con motivo do 25N, que incluirá a lectura do manifesto a cargo de Antía Leal Paz, capitana do Vilaba Fútbol Sala Feminino.
A programación continuará o venres 27 de novembro, ás 17:30 horas, na Casa da Cultura, cun cinefórum arredor da curtametraxe Por qué volvías cada verano?, realizada por Juli Suárez (LGC FILMS). A actividade estará dinamizada por Marta Quintas, Axente de Igualdade do Concello de Vilalba, e ofrecerá un espazo para a reflexión e o diálogo a través do audiovisual.
Outra das propostas destacadas será o monólogo Eso no es amor, de Marina Marroquí, que se celebrará o venres 4 de decembro, ás 10:30 horas, no Auditorio Municipal. Esta actividade está financiada e organizada pola Deputación de Lugo dentro do programa provincial con motivo do 25N.
A programación completarase no mes de decembro co obradoiro “Muller, non te esquezas de ti”, que terá lugar na Liga Santaballaesa, nunha data pendente de confirmación.
A alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, destacou a importancia de traballar na prevención da violencia machista desde todos os ámbitos, especialmente desde as primeiras etapas educativas, “a loita contra a violencia machista é unha responsabilidade colectiva que require educación, prevención e compromiso durante todo o ano. Por iso, desde o Concello queremos achegar esta programación a diferentes públicos e espazos, facendo especial fincapé na educación dos nenos e nenas e na construción de relacións baseadas no respecto e na igualdade”.
Rouco tamén subliñou que “é fundamental seguir visibilizando todas as formas de violencia contra as mulleres, cuestionar os comportamentos que as sustentan e ofrecer espazos de información, reflexión e concienciación. Imos seguir traballando para avanzar cara a unha sociedade na que ningunha muller teña que vivir con medo e na que a igualdade sexa unha realidade efectiva”.