Vilalba contará coa música tradicional local para celebrar o Día das Letras Galegas

A concelleira de Promoción da Lingua de Vilalba, M. Xosé Fernández, presentou este venres xunto ao vicealcalde, Modesto Renda, e á concelleira de Cultura, Mónica González, a programación organizada polo Concello vilalbés para celebrar o Día das Letras Galegas.
O Goberno local aposta nesta edición por unha xornada festiva na que a música tradicional galega volverá ser a gran protagonista, cun cartel integrado principalmente por agrupacións locais e cun concerto final a cargo do grupo Faíscas da Pontraga.
As actuacións darán comezo ás 18.30 horas coa participación de Cerna de Árbol, Entre Lusco e Fusco, AACC Andrade, Buxos Verdes e Batifoula.
A partir das 20.30 horas terá lugar a actuación de Faíscas da Pontraga, que será a encargada de poñer o broche final á celebración.
Desde o Concello destacaron que esta programación busca poñer en valor a cultura galega, a lingua e o traballo das agrupacións locais, convertendo o Día das Letras Galegas nun espazo de encontro arredor da música e da tradición.