Vilalba dá a coñecer os gañadores do Concurso de Microrrelatos 2026

TerraChaXa
Desde o Concello de Vilalba destacaron a elevada participación e a calidade dos textos presentados
Imaxe recurso poesía
27 Jun 2026

O Concello de Vilalba fixo públicos os gañadores e gañadoras do Concurso de Microrrelatos 2026, unha iniciativa cultural que busca fomentar a creación literaria entre persoas de diferentes idades. O anuncio foi realizado pola concelleira de Cultura, Mónica González, tras a reunión do xurado encargado de valorar os traballos presentados nesta edición.

Na categoría infantil, o primeiro premio foi para Leah Ferreiro García polo microrrelato “Quérote, avó”. O segundo posto recaeu en Carmen López Tenreiro coa obra “O bosque das mil marabillas”, mentres que o terceiro premio foi para Antía Pérez Cendán por “As Américas”.

Na categoría xuvenil, Darío Pita Rodríguez acadou o primeiro premio co traballo “O sobrado”. O segundo galardón foi para Duarte Mariño Torrado por “Ola, hai alguén aí?” e o terceiro para Adriana Garrido Santos coa obra “O libro”.

Pola súa banda, na categoría de persoas adultas, o xurado concedeu o primeiro premio a Patricia Torrado Queiruga por “Historia Universal”. O segundo posto foi para Cándido Paniagua Pousa coa obra “Á hora acordada” e o terceiro premio para Alba Sánchez Ares por “Apoñendo”.

Os premios inclúen diplomas acreditativos e diferentes agasallos segundo a categoría, como lotes de libros, material escolar, un ordenador portátil ou premios en metálico no caso da modalidade de adultos.

Desde o Concello de Vilalba destacaron a elevada participación e a calidade dos textos presentados, consolidando este certame como unha das citas culturais de referencia para a promoción da escritura creativa no municipio.

O xurado estivo integrado pola profesora e escritora Mercedes Queixas, a bibliotecaria Atenea Ruibal e a docente Pilar Cabarcos. A propia concelleira de Cultura exerceu como presidenta do tribunal, mentres que a técnica de Cultura María Sonia García actuou como secretaria.

0.11842584609985