Vilalba e a Terra Chá alzan a voz contra a violencia machista no 25N

Vilalba alzou este 25 de novembro a voz contra a violencia machista con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A xornada estivo marcada por diferentes actos de homenaxe ás vítimas e de reivindicación dunha sociedade libre de violencia de xénero, tanto na capital chairega como no resto dos concellos da comarca.
Pola mañá, a Praza da Constitución de Vilalba acolleu un acto institucional no que Antía Leal, capitana do primeiro equipo feminino do Vilalba FS, deu lectura ao manifesto da FEGAMP. A convocatoria incluíu tamén un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas da violencia machista.
Como mostra de lembranza e homenaxe, instaláronse na praza 47 figuras, unha por cada muller asasinada pola violencia machista no que vai de ano, unha realidade que, segundo se reivindicou durante o acto, non se pode esquecer nin normalizar.
A iniciativa buscou lembrar que detrás de cada cifra hai unha vida, unha historia e unha ausencia, e que a loita contra a violencia machista é unha responsabilidade de toda a sociedade.
No resto dos concellos da Terra Chá, a lembranza das vítimas foi tamén total nesta data, con diferentes actividades desenvolvidas nos centros das respectivas localidades. Lecturas de manifestos, concentracións e actos de sensibilización reuniron persoas de todas as idades, grandes e pequenos, nunha xornada na que a comarca volveu mostrar o seu compromiso coa igualdade e coa erradicación da violencia contra as mulleres.
O Concello de Guitiriz tamén conmemorou este 25 de novembro na praza do Campo da Feira, no que tivo lugar a lectura do manifesto. Na cita participaron a alcaldesa, Marisol Morandeira, e diversos membros da corporación municipal, nunha xornada de lembranza, reivindicación e compromiso coa loita contra a violencia machista.
Un dos actos simbólicos máis destacados foi a colocación de cravos brancos sobre un fondo negro, un por cada unha das 47 mulleres asasinadas ao longo deste ano, cada un deles co nome dunha vítima. Unha acción para lembrar que detrás de cada cifra hai unha persoa, unha historia e unha vida, e reivindicar a súa memoria e existencia. Ademais, os nenos e nenas do programa Concilia elaboraron chapas conmemorativas e repartíronse diversos materiais para sensibilizar e concienciar sobre esta problemática.
Tamén as persoas usuarias do Centro de Día participaron na conmemoración coa elaboración de diferentes manualidades para lembrar as mulleres vítimas da violencia machista. Con estas iniciativas, o Concello quixo reafirmar o seu compromiso coa igualdade, a sensibilización e a erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres.
O feminismo volve tomar a Praza da Constitución
Xa pola noite, a Praza da Constitución de Vilalba volveu converterse no centro da reivindicación feminista cunha concentración convocada polos colectivos feministas ás 20.00 horas.
Trátase dun acto xa tradicional na vila, que cada ano reúne persoas de toda a comarca para alzar a voz contra a violencia de xénero e reclamar unha vida libre de violencia machista para todas as mulleres.
Durante a concentración, Feministas da Terra Chá reivindicou que garantir o dereito a unha vida libre de violencia machista require crear as condicións necesarias para facelo efectivo. O colectivo reclamou dereitos sexuais, reprodutivos e laborais plenos, autonomía económica, servizos públicos universais, protección e unha comunidade que non tolere as agresións.
No seu manifesto, chamaron á organización e á participación, así como a denunciar as violencias e construír respostas desde o feminismo organizado. Tamén animaron a apoiar nas eleccións as opcións políticas que defenden os dereitos das mulleres.
A convocatoria rematou cunha mensaxe de continuidade na loita feminista: «Irmás Mirabal: a loita continúa! Viva o feminismo galego! Seguiremos en marcha até que todas sexamos libres!»
