Vilalba entrega este domingo o LII Premio de Poesía do Certame Literario ao poeta Jacobo Paz Limia

Vilalba volverá converterse hoxe, domingo, nun punto de encontro para a literatura galega coa celebración da gala do LII Certame Literario, unha das citas culturais máis consolidadas das festas patronais de San Ramón e Santa María. O acto terá lugar a partir das 19.00 horas no Auditorio Municipal, coincidindo co Día do Pregón, e durante a celebración entregarase o premio ao poeta coruñés Jacobo Paz Limia, gañador desta edición coa obra Fíos, presentada baixo o lema Fäden.
O xurado acordou por unanimidade propoñer a concesión do galardón a Paz Limia tras valorar os 38 poemarios presentados nesta convocatoria, todos eles considerados conformes coas condicións establecidas nas bases. O premio está dotado con 7.000 euros, flor natural e diploma, e a proposta de concesión será elevada á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación. Ademais, a obra gañadora será publicada, permitindo que o poemario chegue ás librarías e a novos lectores.
O fallo produciuse despois da lectura e valoración das obras presentadas e da posta en común das consideracións dos integrantes do xurado. Finalmente, todos acordaron recoñecer Fíos, de Jacobo Paz Limia, como o poemario merecedor desta LII edición.
A entrega do premio terá lugar nunha gala na que tamén se dará lectura ao pregón das festas patronais. O encargado de abrir oficialmente os festexos será este ano Daniel Veiga Roca, músico vilalbés, director da Banda de Música de Vilalba e cunha ampla traxectoria profesional.
O Certame Literario de Vilalba recoñece cada ano o mellor poemario inédito escrito en galego. A súa historia remóntase a 1975, cando Vilalba tomou o relevo do antigo Certame Literario da Terra Chá, impulsado polos concellos da comarca. Desde entón, a convocatoria mantívose de maneira ininterrompida e converteuse nunha das referencias da creación literaria galega.
Ao longo das súas edicións, o premio distinguiu autores e autoras de recoñecido prestixio, entre eles Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Xavier Alcalá ou Yolanda Castaño. Na pasada edición, o galardón foi para Patricia Torrado pola obra Nakba, un poemario de denuncia da barbarie e reivindicación da dignidade do pobo palestino.
A xornada deste domingo combinará así literatura e celebración festiva. Tras a gala no Auditorio Municipal, a programación continuará pola noite coa verbena no Campo da Feira, a partir das 22.30 horas, coas actuacións da orquestra Los Satélites e do Grupo Origen.