Vilalba entrega os premios do Concurso de Microrrelatos 2026

O Concello de Vilalba fixo entrega dos premios do Concurso de Microrrelatos 2026, unha iniciativa coa que o municipio promove a creación literaria e achega a escritura creativa a persoas de diferentes idades. No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e as concelleiras Mónica González e María Xosé Fernández.
Na categoría infantil, o primeiro premio foi para Leah Ferreiro García polo microrrelato «Quérote, avó». O segundo galardón recaeu en Carmen López Tenreiro, autora de «O bosque das mil marabillas», mentres que Antía Pérez Cendán obtivo o terceiro premio coa obra «As Américas».
Na modalidade xuvenil, o primeiro premio foi para Darío Pita Rodríguez polo traballo «O sobrado». Duarte Mariño Torrado conseguiu o segundo posto con «Ola, hai alguén aí?», mentres que Adriana Garrido Santos foi terceira coa obra «O libro».
Pola súa banda, na categoría de persoas adultas, Patricia Torrado Queiruga foi distinguida co primeiro premio por «Historia Universal». O segundo premio correspondeu a Cándido Paniagua Pousa, por «Á hora acordada», e o terceiro foi para Alba Sánchez Ares, autora de «Apoñendo».
As persoas premiadas recibiron diplomas acreditativos e diferentes agasallos en función da categoría. Entre os premios figuran lotes de libros e material escolar, así como un ordenador portátil e dotacións económicas na modalidade de adultos.
Desde o Concello de Vilalba puxeron en valor a participación rexistrada nesta edición e a calidade dos textos presentados, ao tempo que destacaron a consolidación do Concurso de Microrrelatos como unha das iniciativas culturais do municipio destinadas a fomentar a lectura e a escritura.
O xurado encargado de valorar os traballos estivo integrado pola profesora e escritora Mercedes Queixas, a bibliotecaria Atenea Ruibal e a docente Pilar Cabarcos. A concelleira de Cultura, Mónica González, exerceu como presidenta do tribunal, mentres que a técnica de Cultura María Sonia García desempeñou as funcións de secretaria.