Vilalba estrea a renovación dunha vía de 250 metros en Sancovade

TerraChaXa
Trátase dunha obra de mellora de camiños e accesos feita a través do parque móbil da Deputación
vilalba-via-sancovade
17 Sep 2026

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro Luis Fernández estiveron hoxe no barrio da Frouxeira, na parroquia de Sancovade, para comprobar o resultado dunha das actuacións realizadas a través do parque móbil da Deputación de Lugo, do que dispuxo o Concello de Vilalba.

A intervención consistiu na rexeneración integral dunha vía duns 250 metros; sumándose ás diferentes intervencións realizadas na parroquia de Sancovade, que foi obxecto dun plan integral de actuacións para atender as necesidades dos sus vías e accesos.

O uso do parque móbil permitiu tamén desenvolver actuacións noutras parroquias do municipio, entre elas San Simón da Costa, Lanzós, Samarugo e Rioaveso, así como noutros puntos do rural vilalbés.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que o Concello está a aproveitar os recursos dispoñibles para “ir sumando actuacións e mellorando, pouco a pouco, os camiños e accesos das nosas parroquias”.
“Son moitos os quilómetros de pistas que precisan melloras e os recursos dispoñibles son limitados.

Por iso, o traballo ten que avanzar de maneira progresiva, establecendo prioridades e aproveitando cada oportunidade para chegar ao maior número posible de puntos do rural”, sinalou.

Neste sentido, o goberno local subliña que o mantemento dos camiños rurais require unha planificación continuada, tendo en conta as necesidades existentes nas diferentes parroquias e os medios dos que dispón o Concello en cada momento.

“Cada quilómetro rexenerado é unha mellora para a veciñanza que utiliza estes accesos a diario”, engadiu Rouco, reafirmando o compromiso municipal de continuar traballando para mellorar as condicións dos camiños e accesos do rural vilalbés.

0.17096590995789