Vilalba homenaxea a Uxío García Amor
A igrexa de Vilalba acollerá este domingo, día 21, ás 19.00 horas, unha homenaxe ao profesor e músico Uxío García Amor, que se despide da capital da Chaira para volver a Mondoñedo.
O acto consistirá nunha lembranza dos seus anos como profesor, coa intervención de diferentes persoeiros. A esto seguirá unha misa.
O sacerdote trabadense Uxío García Amor é director da Polifónica Vilalbesa e exerceu como profesor en Mondoñedo, onde ocupou diferentes cargos na diócese a longo da súa vida.
DON UXÍO, O HOME SABIO E SERVIZAL
Por Manuel Rivas García.
Coñecín a Don Uxío García Amor polos anos sesenta. No ano 1962, en concreto, dábanos unha materia denominada “Preceptiva literaria” que nos ía introducindo na literatura española, nos xéneros literarios, na prosa e na poesía.
Á vez presentabamos os alumnos -quizais semanal ou quincenalmente- un relato curto sobre un tema que el suxería ou que nos escolliamos libremente. Traía os cadernos puntualmente corrixidos a clase e lía e comentaba tanto os vicios e vulgarismos como o bo uso da linguaxe que aparecían alí reflectidos, pero sen mortificar a ninguén. Naquel tempo en que a educación utilizaba métodos coercitivos de aprendizaxe, don Uxío, en cambio, empregaba máis a persuasión. Nunca pronunciou unha palabra máis alta ca outra nin se burlou xamais de ningún alumno. Nalgún caso saíanlle as cores esforzándose para non ferir a sensibilidade de ninguén. A veces sufría el máis ca o propio interesado. Era un profesor esixente, pero as súas clases eran amenas e ben preparadas. Sempre sabiamos a que aterse.Tamén extractaba anacos de literatos e poetas clásicos españois para que nos serviran de inspiración á hora de facermos unha redacción ou tentar compoñer algún poema. Nalgunha digresión que a veces facía para distender, contounos unha vez que cando chegara de Roma ao Seminario de Mondoñedo, como profesor, viña cun baúl cheo de ilusións, pero co tempo tivera que ir aterrando na realidade. Un xoven estudante brillante, licenciado en Filosofía e Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma onde se formaba o máis selecto do clero católico da Igrexa, e chegar como profesor a un Seminario diocesano pouco aberto a novidades, supoño que tivo que producirlle unha certa frustración. Sen embargo, don Uxío nunca se queixaba. Era un home delgado, áxil e inasequible ao cansazo. Non tiña medo algún ó traballo.
Co tempo fomos descubrindo o seu extenso horario académico. Non só daba clases de Lingua e Literatura en varios cursos senón tamén de Música e Canto gregoriano e mesmo de Escritura en Teoloxía. Creo recordar que tamén fixo durante algún tempo de Xefe de Estudos. A pesar disto sempre se mostrou xovial e servizal. Sempre estaba disposto a escoitar e botar unha man en todo o que podía.
Remiso a honores e gabanzas, chegou, sen embargo, a ocupar os postos de maior responsabilidade da Diocese mindoniense , como Secretario do Bispo, Vicario Xeral o Administrador diocesano. No 2011 foi nomeado Prelado de Honra do Papa. O seu talante humilde sempre lle facía refugar calquera posto que o tratase de enxalzar. Algún compañeiro mesmo afirma que el rexeitou figurar na candidatura para Bispo porque prefería seguir sendo un humilde sacerdote.
Cando don Uxío veu a Vilalba, os chairegos que o coñeciamos tivemos unha gran ledicia. Sabiamos que alí chegaba un gran crego, sabio, prudente e amante da música, quizais a outra gran vocación de Uxío. El dirixiu no Seminario a “Schola Cantorum” durante moitos anos, O Orfeón de Mondoñedo e finalmente a Polifónica Vilalbesa. Amante da música clásica e da sacra, don Uxío soubo fomentar nos mozos ese afán polo canto ao que dedicou gran parte da súa vida ensinando nas aulas e dirixindo importantes coros, como acabamos de sinalar.
A beleza de Vilalba tamén feriu a imaxinación poética de don Uxío: O Castelo, A Pravia, o río Madalena, ou a Xira foron inmortalizados nos seus fermosos poemas, formando xa parte para sempre da inmorrente Escola poética da Chaira a carón de grandes vates que sobrancean, como o tamén crego Chao Ledo que lle canta á Virxe de Tardade, “Pombiña a quen baña ós seus pes o seu Trimaz”.