Vilalba homenaxeará a Manuel María no XXII cabodano con os actos da Cultura Chairega 2026

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, celebrará este mes os actos da Cultura Chairega 2026, unha programación dedicada a homenaxear o poeta chairego Manuel María con motivo do XXII cabodano do seu falecemento.
A primeira das actividades terá lugar o domingo 6 de setembro, ás 12.30 horas, no Espazo Manuel María, con entrada de balde. O programa incluirá unha ofrenda floral ao pé da escultura do escritor e un recital poético popular aberto á participación de todas as persoas que desexen achegar poesías, cancións ou outros textos relacionados coa figura e coa obra do poeta.
O apartado musical desta homenaxe correrá a cargo de Carlos Gómez Osa, que acompañará o acto celebrado no Espazo Manuel María.
A programación continuará o sábado 12 de setembro, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, cun concerto de Catro nun Zoco. A entrada será gratuíta, aínda que será necesario reservar previamente a localidade a través da plataforma entradasvilalba.es.
Catro nun Zoco é un proxecto musical galego liderado polo cantautor e profesor Xosé Luís Rivas Cruz, coñecido como «Mini» e exmembro de Fuxan os Ventos e A Quenlla. O grupo está integrado por Mini Rivas, Mariña Quintillán, Iria Rivas e Navia Rivas, que combinan voces, guitarras, violíns e outros instrumentos de corda para interpretar música de raíz, poesía e cantos tradicionais.
O proxecto naceu coa finalidade de dar continuidade ao labor de divulgación da cultura, da lingua e da música tradicional galega a través das actuacións en directo. Con estes dous actos, o Instituto de Estudos Chairegos pretende manter viva a lembranza de Manuel María e reivindicar a cultura e a tradición galegas como parte fundamental da identidade da Terra Chá.