Vilalba impulsa a campaña Volta ao Cole con premios, desfile e unha acción social

A Asociación de Empresarios de Vilalba pon en marcha a campaña Volta ao Cole, unha nova acción pensada para acompañar ás familias nun dos momentos de máis compras do ano: o inicio do curso escolar.
A campaña busca animar á veciñanza a realizar en Vilalba as compras propias destas datas, desde roupa e calzado ata material escolar e outros produtos e servizos necesarios para a volta ás aulas, apostando polo comercio de proximidade e pola variedade de establecementos da vila.
Durante a campaña, as compras realizadas nos comercios participantes darán dereito a participacións para o sorteo de dous vales de compra de 250 euros cada un.
Con esta iniciativa, a Asociación quere premiar ás persoas que confían no comercio local durante a volta ao cole e ofrecerlles a posibilidade de recuperar parte do gasto realizado nestas datas.
Cada compra contará, ademais, cun valor engadido, xa que as participacións recollidas non só servirán para entrar no sorteo, senón tamén para colaborar co Centro Ocupaciónal de Vilalba.
Os dous vales sortearanse no marco do desfile comercial previsto para mediados do mes de outubro, unha das próximas citas da programación da Asociación.
Un dos sorteos realizarase de maneira presencial durante o propio desfile, mentres que o segundo se celebrará de forma non presencial entre todas as participacións válidas recollidas durante a campaña “Volta ao Cole”.
Deste xeito, as persoas participantes terán un motivo máis para seguir pendentes das próximas accións do comercio local, ao tempo que a campaña enlaza directamente cunha nova cita pensada para achegar os establecementos á cidadanía.
Colaboración co Centro Ocupacional de Vilalba
Por cada cinco papeletas recollidas, a Asociación destinará 1 euro á compra de produtos elaborados polo Centro Ocupacional de Vilalba Terra Chá.
Unha vez finalizada a campaña realizarase o reconto de todas as participacións, de maneira que cantas máis compras se realicen e máis papeletas se recollan, maior será a colaboración coa entidade.
Os produtos adquiridos ao Centro Ocupacional serán posteriormente entregados como agasallo á clientela durante a campaña de Nadal, facendo que a participación nesta “Volta ao Cole” teña continuidade e retorno directo na propia vila.
Así, cada compra realizada nos comercios participantes terá unha dobre oportunidade: optar a un dos dous vales de 250 euros e contribuír, ao mesmo tempo, a unha acción que apoia o traballo dunha entidade local.
Con esta campaña, a Asociación quere transmitir unha mensaxe sinxela: queremos que esta volta ao cole sexa da man da nosa xente, confiando nos comercios de Vilalba e facendo que cada compra contribúa a seguir xerando actividade e colaboración dentro do municipio.
A iniciativa está organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e o Concello de Vilalba.