Vilalba impulsa a primeira edición do Mercado de Nadal os días 6 e 7 de decembro

O Concello de Vilalba, a través da Alcaldía e da Concellería de Feiras e Mercados, anunciou a creación do seu primeiro Mercado de Nadal, que terá lugar na primeira fin de semana de decembro, os días 6 e 7. A proposta está dirixida a profesionais dedicados á venda de produtos típicos destas datas, artesanía, artigos de agasallo e outras opcións relacionadas co ambiente festivo.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou que este novo mercado nace coa intención de ofrecer un espazo atractivo e dinámico no corazón da vila, co obxectivo de reforzar o comercio local e sumar unha actividade adicional para veciños, veciñas e visitantes. Subliñou tamén que a iniciativa representa un avance na dinamización da Praza de Santa María, un propósito asumido este ano tanto pola Alcaldía como pola Concellería de Feiras e Mercados.
Desde hoxe, as persoas interesadas en contar cun posto poden presentar a súa solicitude mediante o modelo normalizado, entregándoo no Rexistro Xeral do Concello ou remitíndoo por correo electrónico a feiras@vilalba.es, achegando a documentación requirida. O prazo permanecerá aberto ata o 1 de decembro, e tanto as bases como a información necesaria están dispoñibles na web municipal.
O Mercado de Nadal coincidirá co domingo de feira do mes de decembro e integrase ademais na programación especial de Nadal impulsada pola Concellería de Infancia e Xuventude, converténdose nun novo punto de encontro e actividade para públicos de todas as idades. Os postos abrirán o sábado 6 de decembro de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30, e o domingo 7 de decembro de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30.
Coa posta en marcha desta primeira edición, o Concello continúa ampliando a súa oferta de actividades e reforzando a súa aposta pola promoción económica e social da vila.