Vilalba inaugura as festas co pregón de Daniel Veiga e a entrega do premio literario a Jacobo Paz Limia

GaliciaXa | TerraChaXa
A gala converteuse nunha primeira gran cita das festas patronais, poñendo en valor dúas das expresións culturais máis arraigadas na vila
pregon-festas-vilalba-daniel-veiga
31 Aug 2026

Vilalba deu comezo oficialmente este domingo ás festas de San Ramón e Santa María cunha gala celebrada no Auditorio Municipal na que a literatura e a música ocuparon un lugar protagonista.

O acto serviu para facer entrega do LII Certame Literario de Vilalba e para escoitar o pregón desta edición, pronunciado por Daniel Veiga, director da Banda de Música de Vilalba. Deste xeito, a gala converteuse nunha primeira gran cita das festas patronais, poñendo en valor dúas das expresións culturais máis arraigadas na vila.

Un dos momentos centrais da gala foi a entrega do premio do LII Certame Literario de Vilalba a Jacobo Paz Limia, pola súa obra Fíos, presentada ao concurso baixo o lema Fäden.
O traballo foi seleccionado por unanimidadepolo xurado entre as 38 obras presentadas nesta edición. Desde o Concello queren agradecer ao xurado o seu labor e dedicación na valoración das propostas recibidas e a sú contribución á continuidade dun certame que forma parte da cultura vilalbesa.

Fíos constrúe, en verso e desde unha voz feminina, unha historia familiar vinculada á emigración galega. A obra permite achegarse ás experiencias dunha xeración marcada pola marcha cara ao exterior e ás diferenzas entre a Galicia rural daquel momento e a realidade industrial que as persoas emigrantes atopaban en Alemaña.

O xurado puxo especialmente en valor a capacidade da obra para abordar unha historia próxima e recoñecible, coa que diferentes persoas poden sentirse identificadas a partir das súas propias experiencias familiares ou da memoria colectiva da emigración galega.

Con esta nova edición, o Certame Literario de Vilalba reafirma o seu papel como espazo para apoiar e recoñecer a creación literaria.

Un pregón dedicado á Banda de Música de Vilalba

A segunda parte da gala tivo como protagonista a Daniel Veiga, director da Banda de Música de Vilalba, encargado de pronunciar o pregón das festas deste ano.

Veiga ofreceu un pregón cargado de emoción, complicidade e recoñecemento ao traballo colectivo que hai detrás da Banda de Música de Vilalba. As súas palabras puxeron o foco nas persoas que forman e formaron parte da asociación e no esforzo necesario para manter viva unha entidade que leva décadas vinculada á vida cultural da vila.

O pregón tamén serviu para reivindicar a importancia da transmisión entre xeracións, tanto no coñecemento musical como nos valores que permiten que a Banda continúe mantendo a súa identidade e a súa presenza na vida de Vilalba.

Desde o Concello destacan o valor de contar cun pregón que recoñece precisamente ese traballo colectivo e que pon no centro ás persoas que, co seu compromiso ao longo dos anos, contribuíron a manter viva a Banda de Música.

Coa celebración desta gala e a lectura do pregón, Vilalba inaugura oficialmente as festas de San Ramón e Santa María, que continuarán durante os vindeiros días cunha programación que combina tradición, cultura, deporte, música e propostas para todos os públicos.

0.14896702766418