Vilalba inicia o Nadal cunha gran festa e o acendido do alumeado

Vilalba deu a benvida ao Nadal cunha tarde chea de música, animación e ilusión na Praza da Constitución, que se encheu de veciños, veciñas e visitantes de todas as idades.
A xornada comezou coas actividades infantís de pintacaras de Nadal, nas que os máis pequenos e pequenas puideron desfrutar de pinturas temáticas con purpurina.
A música chegou da man de Broken Peach, que co seu espectáculo Christmas Tour ofreceu un concerto cheo de ritmo e enerxía que animou a tarde e encheu de ambiente festivo o corazón da vila.
Un dos momentos máis agardados foi o acendido das luces, que este ano correu a cargo do vilalbés Diego Villares, capitán do RC Deportivo da Coruña. O futbolista foi o encargado de premer o botón ante a atenta mirada dos veciños e veciñas, moitos deles tamén afeccionados deportivistas que seguen con orgullo a súa traxectoria deportiva.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, agradeceu a participación da veciñanza e a implicación de todas as persoas que fixeron posible a celebración. Así mesmo, destacou o significado desta cita para dar comezo ás festas, “é unha alegría ver a Praza da Constitución chea de familias, de nenos e nenas e de persoas de todas as idades compartindo este momento. Queriamos que o acendido fora unha ocasión para saír á rúa, reencontrarnos e desfrutar xuntos do Nadal en Vilalba”.
Rouco tamén tivo palabras de agradecemento para Diego Villares por aceptar o convite do Concello, “é unha satisfacción que un vilalbés como Diego, que leva o nome da nosa vila por tantos campos de fútbol, sexa quen dea a benvida ao Nadal en Vilalba. É unha persoa moi querida aquí e foi moi especial compartir con el este momento”.
669 ELEMENTOS DE ILUMINACIÓN E NOVAS DECORACIÓNS EN 3D
A iluminación de Nadal volve incorporar novidades co obxectivo de ofrecer cada ano unha decoración diferente, con novos elementos e propostas que sorprendan tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Vilalba nestas datas.
En total, a instalación está formada por 669 elementos de iluminación, dos cales 55 son arcos luminosos que engalanan as rúas do casco urbano e tamén do polígono industrial. A decoración abrangue unha superficie de 2.312,28 metros cadrados de iluminación.
Entre as novidades deste ano destacan diferentes elementos luminosos en tres dimensións: unha fonte no entorno do Auditorio Municipal, figuras de quebranoces no parque da rúa da Emigración, dous anxos de 8 metros de alto por 5 de ancho e unha estrela de máis de 6 metros na Praza da Constitución.
Tamén se incorpora un teito de luces formado por guirnaldas de microled nas rúas da Pravia e José Luis García Mato, unha instalación que crea un espazo iluminado ao longo destas vías e amplía os puntos de interese da decoración do Nadal.
A alcaldesa sinalou que a intención é renovar cada ano parte da iluminación para que “sempre haxa algo novo que descubrir, un motivo máis para pasear polas rúas, visitar os diferentes espazos e vivir o ambiente do Nadal en Vilalba”.
Con este acendido arrinca unha programación municipal que se estenderá ata o 5 de xaneiro e que inclúe actividades de dinamización, musicais, deportivas e infantís, así como propostas nas parroquias do rural. O Concello anima a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas diferentes citas e desfrutar do Nadal en Vilalba.