Vilalba leva o comercio á rúa cunha nova edición da campaña

A Asociación de Empresarios de Vilalba pon en marcha, do 20 ao 27 de agosto de 2026, a campaña Comercio na Rúa, unha iniciativa destinada a achegar aínda máis o comercio local á veciñanza, incrementar a súa visibilidade e incentivar as compras nos establecementos asociados participantes.
Durante os días da campaña, os comercios poderán sacar ao exterior unha selección dos seus produtos e expoñelos nunha zona acoutada diante de cada establecemento. Esta proposta permitirá mostrar a variedade e calidade da oferta comercial de Vilalba, favorecendo un ambiente máis dinámico nas rúas e facilitando que residentes e visitantes descubran os produtos e servizos dispoñibles no comercio de proximidade.
Como incentivo adicional, as persoas que realicen compras nos establecementos participantes recibirán papeletas para entrar no sorteo de dous vales de compra de 100 euros cada un, que deberán empregarse nos comercios asociados participantes.
O número de participacións dependerá do importe da compra: entregarase unha papeleta nas compras de entre 10 e 49,99 euros; dúas papeletas nas compras de entre 50 e 99,99 euros; e tres papeletas nas compras de 100 euros ou máis. Para participar, será necesario cubrir os datos solicitados e depositar a papeleta na urna habilitada no propio establecemento.
O sorteo celebrarase o 3 de setembro de 2026 entre todas as participacións recollidas durante a campaña.
Coa campaña Comercio na Rúa, a Asociación de Empresarios de Vilalba busca reforzar a conexión entre os establecementos e a cidadanía nos días previos as festas patronais.
A campaña está organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e o Concello de Vilalba.