Vilalba manifestouse contra o Plan Forestal

TerraChaXa
Vilalba acolleu este domingo unha das 22 manifestacións simultáneas do colectivo Por un monte galego con futuro contra o Plan Forestal.
manifestacion plan forestal vilalba
22 Mar 2021

Vilalba acolleu este domingo unha das 22 manifestacións simultáneas celebradas en Galicia polo colectivo Por un monte galego con futuro contra o Plan Forestal da Xunta que está en proceso de aprobación.

A Plataforma Por un Monte Galego con Futuro demanda a paralización do Plan Forestal imposto polo PP; a adopción de medidas específicas, a través dun regulamento, para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro.

A moratoria do eucalipto anunciábase escasas horas despois de se aprobar o novo Plan Forestal Galego que a Plataforma ten denunciado, de forma reiterada, que “responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado”.

“Un plan que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral, sen contemplar a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos; fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras e propón aumentar, aínda máis, a superficie ocupada por eucalipto, en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos”, din.

Para a plataforma este plan non fai máis que agravar a situación actual, “que o propio goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos”.

0.16004705429077