Vilalba mellorará os accesos a núcleos de Goiriz

TerraChaXa
O Concello de Vilalba anuncia que realizará traballos de mellora dos viais de acceso a Liñares e Fontoira, ambos núcleos de Goiriz.
ACCEOS CAMINOS GOIRIZ
ACCEOS CAMINOS GOIRIZ
17 dic 2022

O Concello de Vilalba anuncia á cidadanía que realizará traballos de mellora dos viais de acceso a Liñares e Fontoira, ambos núcleos situados na parroquia de Goiriz. Ambos viais presentan deficiencias no drenaxe de augas pluviais en certos tramos.

Deste modo, en época de chuvias abundantes, a auga acumúlase dificultando o tráfico de vehículos e de peóns. No acceso a Liñares o principal problema é un punto baixo do camiño, onde se acumulan as augas, mentres que no acceso a Fontoira, a eiva son os noiros en mal estado, que impiden a circulación das augas.

En ambos casos, as reparacións sobre o vial son urxentes, dado que o seu estado supón un risco para a seguridade do tráfico de vehículos e de peóns. Ademais, a falta de impermeabilización do pavimento provoca un acelerado deterioro do vial.

No acceso a Liñares inclúense traballos como escarificar o firme existente, nivelar a rasante do tramo afectado, colocar tubos de drenaxe e unha pavimentación da zona. Na vía a Fontoira, ademais do arranxo dos noiros, mellorarase o pavimento e colocaranse sinais verticais nas interseccións.

A obra será adxudicada o vindeiro martes, 20 de decembro, e terá un prazo de execución dun mes.
“Dende o Goberno local somos conscientes da necesidade destes traballos, que garantirán a seguridade viaria da zona. Estas obras súmanse aos traballos de mellora que anunciamos noutros viais da zona rural do municipio”, explica o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.