Vilalba mira cara á súa historia emigrante na XVI Feira do Indiano

TerraChaXa
Santaballa acolleu unha nova edición da cita con mesas redondas, exposicións, música e a IV Volta Ciclista á Terra Chá
Vilalba-feira-indiana-santaballa-2026
12 Sep 2026

A memoria da emigración galega volveu ser protagonista en Vilalba coa celebración da XVI Feira do Indiano e das XVI Xornadas sobre Migracións Indianas, unha cita que nesta edición puxo especialmente o foco nos vínculos históricos entre Galicia e Cuba e na pegada deixada por aqueles que tiveron que buscar oportunidades fóra.

A iniciativa está organizada pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, co patrocinio da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello de Vilalba e do Consello da Cultura Galega. A alcaldesa, Marta Rouco, participou na inauguración oficial acompañada polas concelleiras Paula Vigo, Mónica González e María Xosé Fernández.

A programación comezou coa IV Volta Ciclista á Terra Chá, antes de dar paso ás actividades centradas na historia e no legado da emigración.

Entre as primeiras propostas celebrouse a mesa redonda 'O Centro Galego: memoria e legado da galeguidade en Cuba', impartida por Arantxa Fernández Crespo, directora da Cátedra de Galego na Universidade da Habana. A intervención permitiu profundar no papel que desempeñaron os emigrantes galegos na conservación da súa identidade e na creación de redes de apoio e comunidade no exterior.

A mañá incluíu tamén a inauguración da exposición 'Galicia Imaxinada', promovida polo Consello da Cultura Galega, e dunha mostra de xornais antigos da Liga Santaballesa. As actuacións de Branca Villares e Pablo Pintor, a chegada dos participantes da Volta Ciclista e un vermú amenizado polo cuarteto cubano Orelvis y la próxima escala completaron esta parte da programación.

Durante a apertura oficial, Marta Rouco reivindicou a importancia de manter viva unha iniciativa que alcanza xa a súa décimo sexta edición e destacou o labor desenvolvido pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa para recuperar e transmitir a memoria da emigración galega.

"Hoxe vimos falar da emigración galega, pero creo que hai algo que deberiamos facer antes de falar dela: lembrar que nós tamén fomos eles", afirmou a alcaldesa, lembrando que durante décadas milleiros de galegos tiveron que abandonar a súa terra en busca das oportunidades que non atopaban aquí.

Rouco incidiu na dimensión humana destes movementos migratorios. "Non había estatísticas, senón persoas, familias, veciños e veciñas", sinalou, que levaron consigo "a lingua, os costumes, a música, as lembranzas e tamén esa maneira tan nosa de crear comunidade alá onde se chega".

A rexedora aproveitou ademais esta mirada ao pasado para establecer unha conexión coa realidade actual. Neste sentido, defendeu que "coñecer a nosa propia historia debería axudarnos a mirar con máis humanidade as historias migratorias do presente".

0.13877391815186