Vilalba organiza un obradoiro para construír caixas estenopeicas coas que observar o eclipse solar de agosto

TerraChaXa
A inscrición previa pode formalizarse no Punto de Información da Casa do Concello ou chamando ao teléfono 982 51 03 05
GAFAS eclipse xenérica
20 Jul 2026

O Concello de Vilalba celebrará este martes 21 de xullo un obradoiro de elaboración de caixas estenopeicas destinado a ensinar á cidadanía a observar de forma segura o eclipse solar previsto para o próximo 12 de agosto.

A actividade desenvolverase no Auditorio Municipal e estará dividida en dúas quendas. A primeira terá lugar entre as 10.00 e as 12.00 horas, mentres que a segunda celebrarase de 12.00 a 14.00 horas. As prazas son limitadas e os menores de oito anos deberán asistir acompañados por unha persoa adulta.

Ademais da construción da súa propia caixa estenopeica, as persoas participantes recibirán unha explicación sobre o eclipse solar e, se as condicións meteorolóxicas o permiten, realizarase unha observación do Sol no exterior.

A inscrición previa pode formalizarse no Punto de Información da Casa do Concello ou chamando ao teléfono 982 51 03 05.

A iniciativa está organizada polo Concello de Vilalba en colaboración coa Asociación Astronómica Coruñesa e forma parte das actividades de divulgación científica promovidas para achegar á veciñanza os fenómenos astronómicos e fomentar a súa observación de maneira segura.

0.13329982757568