Vilalba pechará o Ciclo Mestre Mateo-2026 coa proxección da película 'Sirat', de Oliver Laxe

TerraChaXa
Esta décima e última proxección terá lugar este sábado, 28 de novembro, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal
Sirat-Oliver-Laxe
27 Nov 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección de Sirat, a longametraxe gañadora dos Premios Mestre Mateo-2026, dirixida por Oliver Laxe.

Con esta sesión porase o punto final ao Ciclo Mestre Mateo-2026, que durante os últimos meses ofreceu a oportunidade de gozar das películas finalistas das diferentes categorías dos XXIV Premios Mestre Mateo, incluíndo documentais, longametraxes e curtametraxes.

Esta décima e última proxección terá lugar este sábado, 28 de novembro, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

A película conta a historia dun home e o seu fillo que chegan a unha rave perdida en Marrocos na procura de Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas que non coñecen o amencer. Ambos reparten a súa fotografía unha e outra vez, rodeados de música electrónica e dun tipo de liberdade que descoñecen.

Durante a busca coñecen un grupo de asistentes ás raves e deciden seguilos ata unha última festa que se celebrará no deserto, onde esperan atopar a moza desaparecida.

Con esta proxección, o IESCHA e as entidades colaboradoras clausuran unha nova edición deste ciclo cinematográfico, que achegou ao público vilalbés algunhas das producións finalistas dos premios máis importantes do audiovisual galego.

0.15751910209656