Vilalba pedirá hoxe a aprobación de investimentos por valor de 545.871 euros

O Concello de Vilalba celebra hoxe, martes 3 de novembro, un pleno extraordinario no que se someterá a aprobación un expediente de crédito extraordinario por importe de 545.871,46 euros, financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais. A sesión terá lugar ás 9.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.
A modificación orzamentaria permitirá financiar diferentes actuacións de mellora das infraestruturas municipais, renovación de servizos, mantemento de instalacións e dinamización cultural e social, tanto na vila como nas parroquias.
A intervención de maior contía será a mellora da rúa Plácido Peña, que contará cun investimento superior aos 134.000 euros. O proxecto inclúe a substitución de 20 farois por novos báculos de sete metros con iluminación LED, así como a renovación dos espazos nos cruces coas rúas Cidade de Viveiro e As Pontes.
Na intersección coa rúa Cidade de Viveiro, a actuación permitirá poñer en valor o cruceiro existente mediante a instalación dun muro de granito que tamén servirá como banco e elemento de protección patrimonial. O espazo completarase cunha pequena zona axardinada con vexetación autóctona de baixo porte e cun reforzo da iluminación do monumento.
Pola súa banda, no cruzamento coa rúa As Pontes crearase outra zona axardinada protexida do tráfico, que funcionará tamén como bancada e espazo de descanso. En ambos os puntos habilitaranse novas zonas de beirarrúa con formigón lavado.
A alcaldesa, Marta Rouco, destaca que o crédito extraordinario permitirá converter recursos municipais en actuacións destinadas a responder a necesidades concretas. Segundo sinala, os investimentos permitirán mellorar rúas, renovar instalacións e servizos básicos e atender tanto o espazo urbano como as parroquias.
Melloras en servizos e instalacións municipais
Entre as actuacións previstas figura a renovación do sistema de auga quente sanitaria da piscina climatizada, cunha partida de 50.152 euros, para garantir o funcionamento do servizo e mellorar a súa eficiencia enerxética.
O Punto de Atención á Infancia contará cun novo sistema de climatización e aire acondicionado, cun investimento de 33.230 euros. Ademais, o campo de fútbol de herba artificial da Madalena renovará a súa iluminación con tecnoloxía LED, cunha dotación de 21.469 euros.
O crédito tamén reserva 13.103 euros para renovar e substituír a rede de saneamento da rúa Pita de Veiga, unha intervención que o Concello considera necesaria por motivos de salubridade pública e protección ambiental.
A proposta inclúe outros 11.000 euros para actividades socioculturais e de dinamización nas parroquias. Tamén se financiará o acondicionamento de parcelas destinadas a aparcadoiros públicos, o bacheo de accesos en Corbelle, Martiñán e Oleiros e actuacións de mantemento en edificios municipais, como a Casa da Cultura e o Auditorio.
Ademais, recóllense partidas para programación cultural e turística, material e iniciativas das distintas concellerías e servizos necesarios para o funcionamento ordinario do Concello, como licenzas de software, correo electrónico, servidor municipal e o servizo Liña Verde.
Rouco subliña que os investimentos deben ter un efecto directo na vida cotiá da veciñanza, tanto nas rúas como nas instalacións utilizadas polas familias, nos equipamentos deportivos, no saneamento e nos servizos municipais.
Novo proxecto para o acceso a Ver, en Goiriz
Outro dos asuntos destacados da sesión será a aprobación do proxecto actualizado das obras de rexeneración do acceso ao núcleo de Ver, na parroquia de Goiriz, desde a estrada N-634. A actuación conta cun orzamento de 36.800 euros e financiarase mediante un convenio entre a Alcaldía e a Deputación de Lugo.
O proxecto xa fora aprobado e licitado, pero o procedemento quedou deserto. Por este motivo, foi necesario actualizar o documento e os importes económicos, así como tramitar a modificación correspondente coa Deputación.
Unha vez completado este trámite, o Concello prevé volver sacar a obra a licitación coa maior rapidez posible. A alcaldesa asegura que o Goberno local quere evitar que a actuación quede paralizada pola falta de ofertas no primeiro procedemento.
Sorteo das mesas electorais e renuncias no BNG
A orde do día inclúe tamén o sorteo público para designar as persoas que formarán parte das mesas electorais nas eleccións xerais previstas para o 29 de novembro.
Ademais, darase conta das renuncias dos concelleiros do BNG Constantino Alvite e Mónica García e solicitarase á Xunta Electoral Central a credencial de Alfonso Baamonde.
O pleno abordará igualmente a modificación do anexo de subvencións nominativas das bases de execución do orzamento por cuestións de corrección administrativa, así como dous expedientes de modificación de créditos: un mediante suplemento de crédito e outro de recoñecemento extraxudicial de créditos.