Vilalba pon en marcha a segunda campaña de recollida porta a porta de plásticos agrícolas

TerraChaXa
Para poder realizar a retirada, os plásticos deberán estar previamente separados doutros residuos
plasticos-de-silos
1 Oct 2026

O Concello de Vilalba inicia a segunda campaña de recollida porta a porta de plásticos agrícolas, un servizo que permitirá ás explotacións agrarias da localidade solicitar a retirada destes residuos directamente nas súas instalacións.

A partir de hoxe, 1 de outubro, as explotacións dadas de alta no REGA ou REAGA poderán solicitar a recollida dos seus plásticos agrícolas, que está prevista para finais de outubro e realizarase previa cita. As solicitudes deberán tramitarse directamente con Ambigal 360, no teléfono 653 940 988, onde se concertará o día da recollida en cada explotación.

Entre os materiais que se poderán retirar atópanse os plásticos procedentes da actividade agrícola e gandeira, principalmente as lonas plásticas de ensilado, o plástico estirable de diferentes cores empregado nos bolos de silo e os sacos plásticos de abono.

Para poder realizar a retirada, os plásticos deberán estar previamente separados doutros residuos. O servizo non incluirá voluminosos, sacos de rafia ou polipropileno, redes e cordas, pneumáticos, envases plásticos baleiros nin animais. O material que non cumpra estas condicións non poderá ser retirado.

O Concello de Vilalba puxo en marcha este servizo en 2026 co obxectivo de achegar a recollida directamente ás explotacións e mellorar a xestión dos residuos agrícolas. A medida busca tamén evitar os problemas que se producían cos antigos puntos de depósito nas parroquias, que acababan converténdose en vertedoiros incontrolados nos que se acumulaban outros residuos contaminantes ou perigosos.

0.13849210739136