Vilalba pon en marcha unha nova edición da Escola Municipal de Teatro

TerraChaXa
A actividade comezará o 8 de outubro e contará con grupos infantil, xuvenil e de adultos
escola-de-teatro-vilalba
29 Sep 2026

A Concelleira de Cultura do Concello de Vilalba, Mónica González, anunciou a posta en marcha dunha nova edición da Escola Municipal de Teatro, unha proposta que dará comezo o xoves 8 de outubro de 2026 e que busca fomentar a creatividade e a expresión das persoas participantes, ao tempo que ofrece unha alternativa de lecer cultural.

A Escola Municipal de Teatro está dirixida a diferentes grupos de idade e contará con formación adaptada a cada nivel. As clases desenvolveranse todos os xoves e estarán organizadas en tres grupos. O grupo infantil, para nenos e nenas de entre 6 e 10 anos, terá as sesións de 17.30 a 18.30 horas, contará con 12 prazas e terá un prezo de 45 euros. O grupo xuvenil, para participantes de 11 a 17 anos, desenvolverá as clases de 18.30 a 20.00 horas, tamén con 12 prazas, e cun custo de 67,50 euros. Pola súa banda, o grupo de adultos, destinado a maiores de 18 anos, terá horario de 20.15 a 22.15 horas, disporá de 20 prazas e terá un prezo de 90 euros.

As contías corresponden á tempada 2026/2027, entre outubro e xuño, e o pagamento realizarase nun único abono. A actividade non se porá en marcha nos grupos que non acaden un mínimo de cinco alumnos ou alumnas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 7 de outubro de 2026 e tamén se poderán formalizar novas solicitudes unha vez iniciado o curso, sempre que existan prazas vacantes. As persoas interesadas poderán realizar a inscrición a través da sede electrónica do Concello de Vilalba ou mediante rexistro presencial nas dependencias municipais.

Dado que o número de prazas é limitado, a admisión realizarase por rigorosa orde de rexistro das solicitudes. A realización das clases estará condicionada, en calquera caso, a que se acade o número mínimo de alumnado necesario para garantir a viabilidade de cada grupo.

Toda a información sobre a actividade e o procedemento de inscrición está dispoñible na páxina web do Concello de Vilalba, en vilalba.gal.

0.13579988479614