Vilalba prepara o Nadal con obradoiros de decoración con materiais reciclados nas parroquias

O Concello de Vilalba recupera este ano os obradoiros de decoración de Nadal con materiais reciclados dentro da programación destas festas, co obxectivo de ambientar as rúas e parroquias do municipio dun xeito creativo e sostible.
As actividades desenvolveranse nas antigas casas escola de Corbelle, Carballido, Román, Distriz e Mourence, e estarán abertas a todas as persoas interesadas, sen necesidade de estar empadroadas na parroquia correspondente.
Os obradoiros celebraranse en horario de 17:00 a 20:00 horas e terán lugar entre o 1 e o 9 de decembro. En concreto, o martes 1 de decembro será a quenda de Corbelle; o mércores 2, a de Carballido; o xoves 3, a de Román; o luns 7, a de Distriz; e o mércores 9, a de Mourence. Todas as actividades terán como escenario as antigas casas escola de cada parroquia.
A participación será gratuíta e non será necesaria inscrición previa. As nenas e nenos menores de 10 anos deberán acudir acompañados dunha persoa adulta.
Esta iniciativa forma parte da proposta de Nadal 2026-2027 do Concello de Vilalba, que presentará a súa programación completa este venres, 27 de novembro, ás 12:00 horas, nunha rolda de prensa na Casa da Cultura.