Vilalba presenta a vixésimo oitava edición da Feira do Queixo San Simón da Costa

TerraChaXa
Na mañá de hoxe as tres entidades organizadoras da Festa do Queixo San Simón da Costa —o Concello de Vilalba, a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa e o Consello Regulador da DOP San Simón da Costa— presentaron a vixésimo oitava edición dunha cita que se celebrará en Vilalba os vindeiros días 6 e 7 de abril.
presentacion feira do queixo san simon da costa
22 Mar 2024

Na mañá de hoxe as tres entidades organizadoras da Festa do Queixo San Simón da Costa —o Concello de Vilalba, a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa e o Consello Regulador da DOP San Simón da Costa— presentaron a vixésimo oitava edición dunha cita que se celebrará en Vilalba os vindeiros días 6 e 7 de abril.

Dúas xornadas de homenaxe ao emblemático queixo San Simón da Costa que "nos unen e potencian a venda de queixos en Vilalba", sinalou o presidente da Asociación de Queixeiros, Daniel Pérez, quen ademais anunciou que a feira se abrirá o sábado 6 ás 11:00 na Praza da Constitución para media hora máis tarde, ás 11:30, continuar coa actuación musical de Buxos Verdes que se estenderá durante toda a mañá.

Pola súa banda, a cita tamén ofrecerá ás 12:00 unha cata de queixos San Simón da Costa con maridaxe de viños galegos a cargo de Mercedes González e Salomé Beiroa. Pola tarde, a xornada dará comezo ás 16:30 cun taller infantil de elaboración de queixo e tamén para o público infantil haberá ás 17:30 un taller de cociña con queixo San Simón.

A media tarde o protagonismo concederáselle ao actor ourensán, Sergio Pazos, quen lerá o pregón ás 19:00 e logo participará ás 19:30 na entrega de premios da Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa organizada polo Club Ciclista Terra Chá.

Para rematar, e como unha das novidades máis destacadas desta vixésimo oitava edición, a emerxente banda de Muros, The Rapants, pechará a xornada do sábado cun concerto na Praza de Santa María que dará comezo ás 21:00. Un evento que a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinalou como "unha importante novidade que permitirá atraer outro tipo de público para abrir a cita a todas as idades".

O domingo 7, no que ademais tamén se celebrará a feira mensual de Vilalba, a feira abrirá ás 10:00 e estará amenizada pola actuación musical de Cerna de Árbol dende as 11:30 ata as 15:00, momento no que se dará por concluída a XXVIII Festa do Queixo San Simón.

A rexedora vilalbesa, Marta Rouco, aproveitou a presentación da cita para "agradecer a todos os produtores e produtoras de queixo San Simón que sigan contribuíndo a poñer en valor un produto tan representativo do noso municipio coma este" e convidou a todos e todas a visitar a Feira do Queixo San Simón que converterá Vilalba "na capital gastronómica e de lecer da primeira fin de semana de abril".

No acto de presentación ademais da alcaldesa e do presidente da Asociación de Queixeiros, Daniel Pérez, quen quixo convidar a todos e todas a "pasar a fin de semana en Vilalba" e gozar "do patrimonio cultural, gastronómico e paisaxístico" que posúe a capital chairega, tamén estiveron presentes a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, e Patricia López, en representación de Caixa Rural como entidade patrocinadora da festa.

0.1516580581665