Vilalba presenta as Vilaescolas de verán, con actividades deportivas para a infancia

TerraChaXa
Vilalba presenta o seu programa de Vilaescolas de verán, que inclúen actividades deportivas durante o período estival para a mocidade.
vilaescolas de veran vilalba
vilaescolas de veran vilalba
8 jun 2022

O Concello de Vilalba presenta o seu programa de Vilaescolas de verán, que inclúen actividades deportivas durante o período estival para a mocidade. Os deportes propostos para este verán son escalada, parkour, danzas urbanas, kaiak, roteiros en BTT, andainas nocturna e festas acuáticas.

As inscricións ás actividades de escalada, kaiak, danzas urbanas e parkour comezan hoxe mércores 8 de xuño e rematarán o próximo 17 de xuño. Estas actividades celebraranse dende finais de xuño ata o mes de agosto, con distintas quendas en función das idades. A idade mínima comeza nos 7 anos e haberá grupos para maiores de 13 anos.

As rutas BTT serán dúas, unha solidaria o 9 de xullo e outra baixo o nome “Coñece o teu concello” o 30 de xullo. Ademais, este ano celébrase a “I Andaina nocturna”, o próximo 16 de xullo. Para estes eventos, que inclúen a todas as idades, o prazo de inscrición remata 5 días antes da data de celebración.

Por último, as festas acuáticas retómanse este verán os días 23 de xullo e 20 de agosto, e non precisan inscrición, son de balde e os participantes deben ter 3 ou máis anos.

“Con esta proposta, damos continuidade ás escolas deportivas do curso, ofrecendo actividades para que os máis pequenos/as coñezan novos deportes e intercambien experiencias”, sinala Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade.

As inscricións realizaranse na sede electrónica do Concello de Vilalba, a través da web de aluguer de instalacións e inscricións en actividades ou presencialmente no rexistro cxeral do concello de Vilalba.

As actividades terán un custo de 30 euros por persoa, agás escalada que son 20 euros, os roteiros BTT e andaina que son 3 euros e a festa acuática que é gratuíta.

Pódese obter máis información sobre as actividades no teléfono 982510761 ou no correo electrónico deportes@vilalba.es