Vilalba presenta unha programación alternativa para a Festa do Queixo

TerraChaXa
O Concello de Vilalba e a Asociación de Queixeiros San Simón da Costa, presenta o programa on line con motivo da Festa do Queixo 2021.
festa do queixo 2021 vilalba
19 Mar 2021

O Concello de Vilalba, en colaboración coa Asociación de Queixeiros San Simón da Costa, presenta o seu programa de actividades online con motivo da Festa do Queixo 2021.

Esta programación pretende trasladar a promoción deste típico produto ao eido virtual e divulgativo, compensando a cancelación da tradicional Feira do Queixo de Vilalba.

Dada a situación epidemiolóxica actual, o Concello de Vilalba e a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa decidiron suspender a tradicional Feira do Queixo de Vilalba no seu formato presencial habitual.

Unha decisión calificada por ambas entidades como difícil e que se tomou tras constatar que o fomento da mobilidade durante a Semana Santa, data de celebración da feira, sería pouco aconsellable.

Ademais, dado o carácter gastronómico da feira, garantir o estricto cumprimento das medidas de seguridade nas catas dos produtos resultaría imposible de controlar. Tanto os queixeiros como o Concello de Vilalba coinciden ademais en que celebrar a feira noutro formato, por exemplo sen catas, desvirtuaría o evento completamente.

O programa alternativo da Festa do Queixo de Vilalba para esta edición celebrarase dende o 31 de marzo ata o 4 de abril. En total cinco días de actividades coas que seguir promovendo a gastronomía local do municipio.

Dende o goberno municipal pensáronse actividades que non requerisen presencialidade nin aglomeracións, polo que as receitas con este produto local protagonizan a programación.

O mércores 31 de marzo está prevista a presentación do vídeo promocional para a Festa do Queixo. Doutra banda, a organización desta edición apostou polos vídeos de receitas con este tradicional produto en colaboración coa hostalaría local. Así, o xoves 1 de abril será o turno da receita do restaurante Lembranzas; o venres 2, o Mesón do Campo ensinará unha nova forma de usar o queixo na cociña, e finalmente o sábado 3 a pastelería A Confianza traerá a última receita.

Dende o goberno local tamén se programou un concurso popular de receitas, cuxo resultado darase a coñecer o derradeiro día da festa, o domingo 4 de abril.  Por último, a organización da Festa do Queixo impulsou tamén unha revista de receitas locais, que será presentada co remate do evento o próximo 4 de abril.

“No Concello de Vilalba defendemos e promocionamos a importancia do queixo San Simón na gastronomía local, polo que nos esforzaremos por seguir promovendo este manxar coas iniciativas propostas, mentres agardamos por unha feira presencial en 2022”, afirma Antía Rama, concelleira de Mercados e Feiras de Vilalba.

festa do queixo vilalba interior
0.15189409255981