Vilalba protagoniza o día grande dos Remedios coa ofrenda de Marta Rouco en Mondoñedo

As Festas Patronais da Virxe dos Remedios de Mondoñedo viviron este domingo unha das súas xornadas centrais cunha marcada presenza vilalbesa. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, foi a encargada de realizar a tradicional ofrenda, mentres que a Banda de Música de Vilalba participou tamén nun programa que combinou os actos relixiosos coa música e o ambiente festivo.
Rouco acudiu acompañada por membros da corporación municipal, a Banda de Vilalba e a Coral Polifónica Vilalbesa para representar á vila, ás súas parroquias e á veciñanza nunha tradición que continúa transmitíndose entre xeracións.
Precisamente ese legado ocupou unha parte importante do seu discurso. "Que imos facer nós con aquilo que recibimos? E que mundo estamos construíndo para os que veñen detrás?", preguntou a alcaldesa durante unha intervención na que defendeu unha Terra Chá con oportunidades e servizos, especialmente para que a mocidade poida desenvolver o seu futuro, pero tamén capaz de coidar as persoas maiores.
A oferente levou igualmente ao acto unha reflexión sobre os conflitos e os movementos migratorios actuais. Rouco recorreu á propia historia emigrante de Galicia para reclamar unha mirada humana cara a estas realidades. "Detrás de cada persoa que emigra hai unha persoa, unha familia e a esperanza de construír unha vida mellor", sinalou.
A alcaldesa apelou neste sentido á "serenidade" e á "intelixencia para conciliar seguridade e solidariedade", ademais de reclamar "humanidade para ver persoas e non números".
GOBERNAR É SERVIR. A responsabilidade política foi outro dos asuntos presentes na ofrenda. Rouco resumiu a súa visión cunha afirmación: "Gobernar non é mandar. É servir". A partir desta idea, defendeu a necesidade de afrontar as decisións públicas con criterio, humildade e valentía, tamén cando as circunstancias son difíciles.
Tras a ofrenda celebrouse a misa no Santuario dos Remedios, seguida da procesión. A participación vilalbesa continuou coa música da Banda de Vilalba, dentro dunha xornada que contou tamén coa Orquestra Salsarena na sesión vermú e na verbena.
A celebración deste domingo enmárcase nun programa de tres días de festas, do 12 ao 14 de setembro. Os Remedios comezaron o sábado cos XIV Cantos de Taberna e coa Orquestra Miramar. Este luns pecharase a programación coa tradicional misa de confrades, a sesión vermú a cargo de Suavecito e o Día do Neno.
A Asociación Cultural Virxen dos Remedios organiza unhas festas nas que tradición, celebración relixiosa e música volven compartir protagonismo, coa colaboración do Concello de Mondoñedo e do Goberno autonómico.