Vilalba quece motores para a nova edición da Feira do Queixo San Simón da Costa

TerraChaXa
Arranca este sábado unha nova edición da Festa do Queixo San Simón da Costa, organizada polo Concello de Vilalba, a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa e o Consello Regulador da DOP San Simón da Costa, na que é xa a  vixésimo oitava edición dunha cita que se prolongará ata o domingo.
presentacion feira do queixo san simon da costa
5 Abr 2024

Arranca este sábado unha nova edición da Festa do Queixo San Simón da Costa, organizada polo Concello de Vilalba, a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa e o Consello Regulador da DOP San Simón da Costa, na que é xa a  vixésimo oitava edición dunha cita que se prolongará ata o domingo.

Dúas xornadas de homenaxe ao emblemático queixo San Simón da Costa que "nos unen e potencian a venda de queixos en Vilalba", sinalou o presidente da Asociación de Queixeiros, Daniel Pérez, quen ademais anunciou que a feira se abrirá o sábado 6 ás 11:00 na Praza da Constitución para media hora máis tarde, ás 11:30, continuar coa actuación musical de Buxos Verdes que se estenderá durante toda a mañá.

Pola súa banda, a cita tamén ofrecerá ás 12:00 unha cata de queixos San Simón da Costa con maridaxe de viños galegos a cargo de Mercedes González e Salomé Beiroa. Pola tarde, a xornada dará comezo ás 16:30 cun taller infantil de elaboración de queixo e tamén para o público infantil haberá ás 17:30 un taller de cociña con queixo San Simón.

A media tarde o protagonismo concederáselle ao actor ourensán, Sergio Pazos, quen lerá o pregón ás 19:00 e logo participará ás 19:30 na entrega de premios da Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa organizada polo Club Ciclista Terra Chá.

Para rematar, e como unha das novidades máis destacadas desta vixésimo oitava edición, a emerxente banda de Muros, The Rapants, pechará a xornada do sábado cun concerto na Praza de Santa María que dará comezo ás 21:00.

O domingo 7, no que ademais tamén se celebrará a feira mensual de Vilalba, a feira abrirá ás 10:00 e estará amenizada pola actuación musical de Cerna de Árbol dende as 11:30 ata as 15:00, momento no que se dará por concluída a XXVIII Festa do Queixo San Simón.

0.085490942001343