Vilalba recibe a Escoba de Prata polo impulso á mellora da recollida de residuos

O Concello de Vilalba vén de recibir o premio Escoba de Prata, un recoñecemento outorgado por ATEGRUS (Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente) no marco da celebración de TECMA 2026, Feira Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente, celebrada en IFEMA, Madrid.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo foron as encargadas de recoller este galardón, que distingue iniciativas e actuacións orientadas á mellora da xestión dos residuos, da limpeza e do aseo urbano, así como aquelas accións que contribúen ao avance tecnolóxico, á innovación social e á mellora da sustentabilidade e da calidade de vida.
Os premios ESCOBAS recoñecen proxectos e experiencias desenvolvidas por administracións e entidades de todo o Estado que destacan pola súa capacidade para transformar e mellorar os servizos vinculados ao coidado da contorna.
Vilalba presentou a súa candidatura e resultou premiada grazas ao traballo desenvolvido nos últimos meses arredor da posta en marcha do novo contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que este recoñecemento “supón unha satisfacción importante porque avala un traballo que ás veces non sempre é o máis visible, pero que ten un impacto directo no día a día da veciñanza”.
A rexedora lembrou que “a entrada en vigor do novo contrato do lixo permitiu introducir melloras substanciais tanto na recollida de residuos no casco urbano e nas parroquias como nos servizos de limpeza viaria, cun modelo máis adaptado ás necesidades actuais do municipio”.
Rouco puxo en valor tamén o proceso levado a cabo para impulsar esta transformación do servizo.
“Falamos dun contrato que se licitou e aprobou durante esta etapa de goberno e que responde a unha idea moi clara: prestar mellores servizos públicos e facelo con criterios de eficacia, sustentabilidade e equilibrio territorial para que as melloras cheguen tamén ao rural”, sinalou.
A alcaldesa subliñou ademais que este premio debe entenderse como un recoñecemento colectivo.
“Este galardón non sería posible sen o traballo diario das persoas que están detrás do servizo, que son quen fan posible que as melloras se convertan nunha realidade. Quero agradecer especialmente o esforzo e a implicación do persoal porque este premio tamén lles pertence”, afirmou.
Desde o Concello destacan que este recoñecemento supón un impulso para continuar avanzando na mellora progresiva dos servizos municipais e seguir desenvolvendo actuacións que contribúan a facer de Vilalba un municipio máis limpo, máis sostible e con mellores servizos para a veciñanza.