Vilalba recibe a visita do ministro de Industria, para coñecer a casa consistorial, o grupo Entrepinares e o Parador

GaliciaXa | TerraChaXa
A finalidade da visita foi comprobar sobre o terreo o avance de diferentes actuacións impulsadas con financiamento do Executivo central
visita-ministro-jordi-hereu-a-vilalba1
16 Jul 2026

Vilalba recibiu este martes a visita do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu Boher, que continuou na localidade chairega a súa rolda de encontros e visitas institucionais por Galicia. Ao longo da mañá percorreu tres puntos destacados do municipio: a Casa do Concello, a planta de produción do Grupo Entrepinares e o Parador de Turismo.

A finalidade da visita foi comprobar sobre o terreo o avance de diferentes actuacións impulsadas con financiamento do Executivo central, especialmente as obras de rehabilitación executadas tanto no edificio consistorial como no Parador.

A primeira parada da xornada tivo lugar na Casa do Concello, onde Hereu foi recibido pola alcaldesa, Marta Rouco, xunto a membros do goberno municipal. Á visita sumáronse tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada en Lugo, Olimpia López; e diversos representantes socialistas, entre eles José Ramón Gómez Besteiro, Lara Méndez, Patricia Otero e César Mogo.

A intervención realizada no inmoble municipal permitiu modernizar as instalacións e mellorar tanto a súa eficiencia enerxética como as condicións de accesibilidade. Os traballos concentráronse principalmente na renovación da cuberta e da fachada, aínda que tamén se acometeron actuacións no interior para adaptar os espazos ás necesidades actuais da administración local.

O investimento total ascendeu a 1,1 millóns de euros, dos que 943.000 foron achegados polo Goberno central a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP).

Tras asinar no Libro de Honra do Concello, o ministro percorreu as dependencias municipais para coñecer o resultado das actuacións realizadas. Un dos espazos que máis atención concentrou foi a planta superior, transformada nun amplo salón destinado ás sesións plenarias e complementado cunha nova terraza exterior, actualmente nos seus últimos traballos de execución.

As melloras incluíron tamén a instalación de iluminación LED, a creación de aseos adaptados, novas áreas de espera para a cidadanía e unha redistribución dos espazos interiores para optimizar o funcionamento dos servizos municipais.

VISITA ENTTREPINARES

Unha vez rematada a visita á Casa do Concello, a comitiva desprazouse ata as instalacións do Grupo Entrepinares, unha das compañías con maior peso económico e industrial da comarca, que actualmente afronta un ambicioso proceso de crecemento.

A empresa anunciou o pasado mes de xuño un investimento de 20 millóns de euros na súa planta de Vilalba para poñer en marcha unha nova liña de produción de queixo cottage. A iniciativa permitirá abastecer a Mercadona con arredor de sete millóns de quilos anuais deste produto.

O proxecto desenvolverase integramente nas instalacións vilalbesas e prevese que entre en funcionamento durante o segundo semestre de 2027. Ademais, a ampliación traerá consigo a creación de 60 novos postos de traballo en distintas áreas da empresa.

Durante a visita, Jordi Hereu puxo en valor esta aposta industrial, que definiu como unha iniciativa de gran relevancia pola súa capacidade para xerar innovación, impulsar as exportacións e fortalecer o sector primario. Neste sentido, destacou que a industria agroalimentaria afronta importantes desafíos, entre eles a necesidade de incrementar o valor engadido dos seus produtos, e sinalou a Entrepinares como un exemplo de referencia neste ámbito.

O ministro tamén lembrou o peso estratéxico do sector agroalimentario na economía española, situándoo entre os máis relevantes xunto coa automoción e a industria química e farmacéutica. Ao seu xuízo, trátase ademais dunha actividade cunha especial incidencia sobre o territorio e o desenvolvemento das zonas rurais.

Así mesmo, salientou a incorporación de tecnoloxía avanzada aos procesos produtivos da compañía, asegurando que constitúe unha mostra de como a innovación e a mellora continua permiten alcanzar elevados estándares de excelencia.

A última parada da xornada tivo lugar no Parador de Vilalba, situado na emblemática Torre da Homenaxe, un dos símbolos patrimoniais máis recoñecibles da localidade. Como recordo da súa visita, o ministro recibiu do Concello unha reprodución en cerámica de Sargadelos deste histórico monumento.

Nas instalacións do establecemento turístico, Hereu percorreu os distintos espazos da torre e interesouse polas actuacións levadas a cabo nos últimos dous anos. Tamén visitou a súa azotea, que foi obxecto dunha recente rehabilitación financiada con fondos europeos Next Generation.

0.11891102790833