Vilalba recupera a memoria do século XX na XIII edición da exposición fotográfica ‘Tal como eramos’

O Instituto de Estudos Chairegos Pena do Encanto (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, inaugurará este venres 28 de agosto a XIII edición da mostra fotográfica Tal como eramos. Fotos para o recordo, unha exposición que reúne máis de 200 imaxes procedentes da fototeca da entidade.
A inauguración terá lugar ás 20.00 horas na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, onde a mostra poderá visitarse desde este venres e ata o 20 de outubro, dentro do horario habitual de apertura do recinto.
Esta mostra inclúense dentro do programa das festas de San Ramón e Santa María, que deron comezo o pasado venres 21, tamén cun acto do Iescha.
Nesta edición, a exposición está formada por un total de 208 fotografías achegadas por veciños e veciñas de Vilalba e da súa comarca, que contribúen así á conservación da memoria colectiva e á recuperación de escenas da vida cotiá de décadas pasadas.
As imaxes están distribuídas en 26 paneis e presentan unha ampla variedade temática, con fotografías relacionadas cos deportes, celebracións, feiras e festas, música, infancia, grupos, oficios e actividades, paisaxes, recantos e paseos, entre outros contidos.
A maior parte das fotografías corresponden á primeira metade do século XX, aínda que a colección incorpora tamén algunhas imaxes máis recentes, permitindo percorrer diferentes épocas e aspectos da vida social e cultural da comarca chairega.
O Iescha destaca que a mostra é posible grazas ás achegas de numerosas persoas da contorna, que ao longo dos anos contribuíron coa cesión de fotografías á fototeca da entidade.
As imaxes reunidas nesta edición, xunto coas que forman parte da exposición Tal como eramos de Guitiriz, serán incorporadas ao apartado correspondente do Caderno de Estudos Chairegos número 13, cuxa publicación está prevista para finais de 2026.