Vilalba reivindica un rural con oportunidades para as mulleres e no que apostar por vivir e emprender sexa unha opción real

TerraChaXa
Case 300 mulleres participaron na xornada ‘Apoderadas: O rural tamén é noso’, organizada por FADEMUR Galicia coa colaboración do Concello de Vilalba e da Deputación de Lugo
xornada-apoderadas-vilalba-fademur
19 Sep 2026

Vilalba acolleu este sábado a xornada Apoderadas: O rural tamén é noso, organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) coa colaboración do Concello de Vilalba e da Deputación de Lugo, que reuniu arredor de 300 mulleres para compartir experiencias e poñer en valor o seu papel no desenvolvemento socioeconómico do rural galego.

A inauguración contou coa participación da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; a deputada da Área de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo, Marisol Morandeira; a presidenta de FADEMUR España, Teresa López; o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García, e a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos.

Durante a súa intervención, Marta Rouco reivindicou a necesidade de construír un rural no que as mulleres non teñan que “ser extraordinarias” para poder desenvolver os seus proxectos de vida. A alcaldesa sinalou que as mulleres “levan moito tempo demostrando que teñen iniciativa, capacidade e valentía” e defendeu que o reto non debe ser pedirlles máis esforzos, senón conseguir que o territorio estea á altura dos proxectos que queren desenvolver.

Neste sentido, Rouco apuntou que falar de emprendemento feminino no rural implica tamén falar de servizos, conciliación, vivenda, conectividade, mobilidade e oportunidades. “Non quero un rural no que unha muller poida quedar só se é capaz de superar unha carreira de obstáculos. Quero un rural no que quedar sexa unha opción real”, afirmou.

A alcaldesa tamén destacou a importancia de que as mulleres sexan protagonistas á hora de decidir o futuro do territorio e puxo en valor unha xornada que permite compartir experiencias de emprendemento moi diferentes. Así mesmo, agradeceu a FADEMUR Galicia a elección de Vilalba para celebrar esta cita e recoñeceu o traballo das mulleres que cada día contribúen a manter vivo e activo o rural.

Pola súa banda, Marisol Morandeira salientou o compromiso das administracións para facilitar recursos ás persoas que deciden apostar polo rural. “Temos que seguir abrindo camiño e a responsabilidade das administracións é clara: debemos poñer os recursos á disposición das persoas que decidides apostar polo rural”, sinalou.

A deputada de Muller e Igualdade explicou que a Deputación contribúe a este obxectivo a través das accións e investimentos destinados a mellorar as infraestruturas e os servizos, así como mediante a colaboración con entidades. Neste sentido, lembrou que a institución provincial achega anualmente 50.000 euros a FADEMUR para impulsar iniciativas como esta xornada.

Morandeira advertiu ademais de que “por desgracia vivimos tempos nos que a igualdade volve estar en cuestión” e defendeu a necesidade de seguir avanzando. “Citas coma esta poñen de manifesto que o noso rural non ten límites e as mulleres tampouco”, afirmou.

A programación incluíu unha mesa redonda sobre experiencias de mulleres emprendedoras, moderada pola xornalista de Onda Cero Carme Hermida, na que participaron a coordinadora do proxecto Woman Emprende da USC, Eva López; a fundadora de Orixe Salgada, Elena Fontán, e a gandeira e emprendedora no sector da hostalaría Lidia Gómez.

A continuación celebrouse unha conferencia a cargo da fundadora de Licores os Maios, Maica Fernández, seguida dun coloquio aberto á participación das asistentes. A xornada completouse con actuacións musicais, degustacións de produtos da terra, obradoiros sobre emprendemento e actividades grupais destinadas a afondar nos coñecementos adquiridos ao longo da cita.

Rouco destacou finalmente que as mulleres “non son só parte da solución aos retos do rural”, senón tamén “parte das persoas que teñen que decidir que rural queremos construír”.

0.1532998085022