Vilalba renova o seu parque móbil coa incorporación de dous vehículos híbridos

O Concello de Vilalba incorporou hoxe ao seu parque móbil municipal dous novos vehículos híbridos con distintivo ambiental ECO, que estarán destinados ao uso do persoal municipal e ás necesidades derivadas da actividade diaria do Concello.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP.
A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que esta incorporación responde á necesidade de renovar uns vehículos que acumulaban xa un importante desgaste e que estaban a xerar continuos gastos de mantemento.
“Estamos renovando unha parte do parque móbil municipal que estaba completamente obsoleta. Os turismos cos que contabamos acumulaban moitos anos de uso, continuas reparacións e gastos derivados delas. Necesitabamos substituílos por vehículos máis eficientes e que nos permitan prestar os servizos municipais con medios adecuados ás necesidades actuais”.
Rouco sinalou que a renovación dos vehículos municipais forma parte dunha liña de traballo máis ampla para modernizar os medios cos que conta o Concello e incorporar criterios de eficiencia e sustentabilidade á xestión municipal.
“Estamos mellorando os medios que utiliza o persoal municipal no seu día a día, pero facémolo tamén pensando no futuro. Queremos unha administración que vaia renovando os seus recursos, que sexa máis eficiente e que incorpore progresivamente vehículos con menores emisións”.
A alcaldesa lembrou que esta incorporación non é unha actuación illada, senón que se suma ás últimas adquisicións realizadas polo Concello, entre elas un vehículo multifunción 100% eléctrico, con cero emisións de CO₂ e sen contaminación acústica, e un vehículo patrulleiro híbrido, tamén con distintivo ECO e equipado para o desenvolvemento das funcións da Policía Local.
Ademais, o Concello mantén aberto o proceso de licitación para a incorporación de dúas furgonetas eléctricas, tamén financiadas a través do Fondo de Compensación Ambiental, co obxectivo de continuar avanzando na renovación do parque móbil municipal.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Fernández, puxo o foco tanto na renovación dos vehículos como no cambio progresivo cara a medios máis eficientes.
“O que estamos facendo é renovar vehículos que xa non daban a resposta que necesitabamos e substituílos por outros que ofrecen unhas condicións de eficiencia e consumo máis axeitadas. Neste caso incorporamos dous híbridos con distintivo ECO e seguimos traballando para que o parque móbil municipal vaia reducindo progresivamente o seu impacto ambiental”.
Fernández destacou tamén a continuidade desta renovación: “A incorporación destes dous híbridos é un paso máis dentro dunha renovación que queremos seguir desenvolvendo. Xa contamos con vehículos 100% eléctricos e híbridos e temos en marcha a licitación de dúas furgonetas eléctricas. Imos avanzando pouco a pouco para contar cun parque móbil municipal máis moderno e eficiente”.
Con estas incorporacións, o Concello de Vilalba continúa actualizando os seus medios materiais, mellorando a capacidade operativa dos servizos